Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
AI E SAVE THE CHILDREN DENUNCIAN O CONSUMISMO NESTA DATA

De onde veñen e a que prezo os diamantes e bombóns para San Valentín?

No que se celebra como o Día dos Namorados ou San Valentín, prodúcese unha exaltación do consumismo que ten consecuencias nos países en vías de desenvolvemento: Amnistía Internacional chama a atención sobre os "diamantes ensanguentados", ou procedentes de zonas en conflito, e Save the Children alerta sobre a procedencia de bombóns e outros produtos elaborados con chocolate: un millón de nenos traballa nas plantacións de cacao de África Occidental, ás veces en situacións de escravitude.

Redacción - 13:27 14/02/2007

Polo menos 312.000 deles sofren explotación por parte de adultos, sen recibiren soldo ningún, e con xornadas laborais que exceden as doce horas. Non teñen acceso á escolarización, e téñeno moi limitado á atención sanitaria. Ademais, polo seu traballo nas plantacións están expostos ao contacto con insecticidas, serpes ou insectos, ao uso de ferramentas perigosas... Mentres, a multimillonaria industria do chocolate, que factura anualmente ao redor de 75.000 millóns de dólares, nútrese deste cacao procedente do oeste africano: o 70% do cacao mundial. Save the Children propón un xeito alternativo de celebrar o 14 de febreiro, facendo doazóns ou enviando postais aos nenos que viven en condicións precarias.

Pola súa banda, AI pide garantías aos xoieiros de que os diamantes que venden non son ensanguentados e anima aos consumidores a facer o mesmo: estes diamantes financiaron, e seguen a facelo, conflitos en África que provocaron a morte e o desprazamento de milleiros de persoas. Pero máis de 70 países participan no Proceso Kimberley -sistema internacional de certificación de diamantes, posto en marcha no 2003- que este ano preside a Comisión Europea, para controlar a metodoloxía de extracción de diamantes. Pola súa parte, a industria do diamante comprometeuse a poñer en práctica un sistema de autorregulación para garantir que os diamantes que se comercializan son "limpos". Pero aínda moitos diamantes de zonas controladas por grupos rebeldes no norte da Costa de Marfil son introducidos clandestinamente en Ghana. AI solicita a exclusión deste país do Sistema de Certificación do Proceso Kimberley mentres non existan controis que impidan o comercio ilegal. Na web podemos atopar a posibilidade de solicitarllo ao ministro de Industria, Turismo e Comercio, Sr. Joan Clos, con estas dúas peticións para garantir que os "diamantes ensanguentados" non chegan ó mercado.

A organización fará tamén unha sondaxe e unha enquisa durante os próximos meses en diferentes puntos de venda de diamante, para avaliar o nivel de coñecemento que teñen os minoristas do Proceso Kimberley e das garantías que poden ofrecer aos compradores de diamantes de que estas pedras preciosas non proveñen de zonas en conflito nin de lugares onde se producen abusos contra os dereitos humanos.Calcúlase que en Angola, a República Democrática do Congo, Liberia e Serra Leoa morreron 3,7 millóns de persoas en conflitos mantidos, en parte, grazas ós diamantes.


0/5 (0 votos)