A superficie ociosa dos estaleiros de Navantia en Fene non se poderá adicar á construción civil. Enrique Martínez Robles, presidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais, SEPI, confirmoullo este xoves ao conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Este asegurou que para o organismo estatal "valen todos os proxectos, menos a construción de barcos civís". Tras a reunión, o titular de Industria anunciou que xa solicitaran unha entrevista coa comisaria europea da Competencia, Neelie Kroes.
A SEPI recoñeceu na súa valoración, que hai "200.000 metros de superficie ociosa, mais en ningún caso se van adicar á construción civil". Fernando Blanco apuntou que dende o Goberno galego non comparten esta visión, polo que tratarán de explicar en Europa a súa "aposta pola construción naval".
A Xunta apoia o proxecto do estaleiro Fillos de J. Barreiras para mercar as instalacións que Navantia non usa, e construír barcos. Esta iniciativa conta ademais co aval de Caixa Galicia e Caixanova.