Preto de 2.000 persoas amosaron xa o seu apoio individual á consecución do dominio propio para a lingua e a cultura galegas, promovido pola asociación PuntoGal. Dende que se abriu a convocatoria na súa páxina web o pasado 17 de xaneiro, xa asinaron a favor do dominio centos de persoas, ademais dalgúns colectivos, empresas e institucións. O ritmo de chegada de sinaturas é constante.
A asociación aspira a que aICANN, que vai desenvolver a súa próxima conferencia internacional pública a finais de marzo en Lisboa, lle conceda un dominio á nosa cultura. Tamén aspiran a conseguir esta distinción coa que xa conta Cataluña (.cat) países como a Bretaña (.bzh) ou Gales (.cym). En comparación coa iniciativa galega, os bretóns levan 12.850 sinaturas dende o 15 de marzo do 2006 e os galeses van para as 5.500 dende o 17 de outubro.