Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
POR MOR DAS VIOLACIÓNS AOS DEREITOS HUMANOS EN DARFUR

Amnistía Internacional pide que se lle vete a Sudán a presidencia da Unión Africana

Estes días 29 e 30 de xaneiro está a desenvolverse o Cumio da Unión Africana en Adis Abeba. Amnistía Internacional fixo público un comunicado en que insiste en que neste cumio non se escolla Sudán para ocupar a presidencia da UA. A organización salienta os reiterados ataques contra os dereitos humanos que se cometen na rexión de Darfur e no Leste do Chad, coa indiferenza do goberno, e mesmo o apoio do executivo sudanés á milicia yanyawid, causante de milleiros de mortes e desprazamentos.

- 09:45 31/01/2007
Tags:

Amnistía Internacional advertiu este 29 de xaneiro do perigo que corre a Unión Africana de elixir a Sudán para ocupar a presidencia da organización no cume que se está a celebrar en Addis-Abeba. Sudán desafiou a decisión da UA e a ONU de enviar forzas de mantemento da paz a Darfur, o que, segundo Tawanda Hondora, subdirector do Programa Rexional para África de AI, "socavaría a credibilidade da UA, así como o seu compromiso de defender e respectar os dereitos humanos en África".

As milicias apoiadas polo goberno mataron a miles de persoas e cometeron reiteradas violacións dos dereitos humanos en Darfur. "As forzas da UA quedarían nunha posición insostíbel se se dá a Sudán o liderado da organización". Segundo a Acta Constituínte deste organismos, os seus obxectivos son a promoción e a protección dos dereitos humanos, a paz, a seguridade e a estabilidade no continente africano. A UA xa aprazara a decisión de conceder a presidencia a Sudán no 2005 e 2006 debido ás violacións cometidas polo goberno deste país en Darfur. "Esperamos que os gobernos africanos non cambien de postura, dado que o goberno sudanés segue sen poñer fin aos abusos contra os dereitos humanos en Darfur", afirmou Hondora.

O goberno de Sudán deixou constantemente desprotexida á poboación de Darfur fronte a matanzas, violacións e desprazamentos forzados. Mesmo a actuación das forzas sudanesas en Darfur segue violando as normas internacionais de dereitos humanos e o dereito internacional humanitario: os recentes ataques aéreos que causaron a morte de decenas de civís. E por outra banda, o goberno non deixa de apoiar con armamento á milicia yanyawid, responsábel de constantes violacións de dereitos humanos graves en Darfur e o leste de Chad. A consecuencia disto, morreron 85.000 persoas asasinadas, 200.000 de fame ou enfermidade, e máis de dous millóns resultaron desprazadas.


0/5 (0 votos)