Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO DENUNCIA O GRUPO ECOLOXISTA PX, O LUGAR TEN UN GRAN VALOR ECOLÓXICO

Pesca podería autorizar unha piscifactoría na única zona virxe da Costa da Morte

O grupo ecoloxista PX, que actúa na Costa da Morte, asegura que a Xunta de Galicia vai autorizar a construción dunha piscifactoría en Sabedelle, que é a única saída ao mar do municipio de Vimianzo. O colectivo considera inadmisíbel o proxecto xa que, segundo explican, "é a única zona totalmente virxe da Costa da Morte". Os responsábeis desta organización sinalan que, ecoloxicamente, Sabadelle ten máis importancia ca Touriñán.

- 06:38 26/01/2007
Tags:

Rafael Lema, integrante do colectivo ecoloxista, explica que na zona hai abundantes praias de cantos rodados, algo que está protexido pola UE. Ademais destaca que é un notábel refuxio onde aniñan aves coma os corvos mariños ou os paíños. Tamén subliña que podería estar en perigo un importante banco de marisco, onde abundan as centolas, as nécoras, os ourizos ou os santiaguiños. Curiosamente, preto desta zona atópanse os famosos penedos de Traba e Pasarela, ameazados pola extracción graniteira. Lembra que nos anos 90 houbo proxectos para vivendas que finalmente non se levaron a cabo.

Dende PX, consideran que a zona é moito máis importante, mediambientalmente, ca Touriñán, onde a Xunta impediu a construción dunha gran piscifactoría por estar en Rede Natura. Lema afirma que, dende hai anos, a asociación sempre defendeu que era mellor concentrar os proxectos acuícolas e eólicos en zonas onde o impacto sexa mínimo en vez de "repartir e encher a Costa da Morte de pequenos proxectos que acaban sendo máis negativos".

Vieiros púxose en contacto coa Consellería de Pesca para contrastar a denuncia de PX. O departamento non quixo confirmar nin desmentir esta información e sinalou que en marzo se ían facer públicos os lugares elixidos. De todos os xeitos, manteñen que se fixeron traballos e estudos para escoller zonas onde o impacto fose mínimo.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: