Óscar Pereiro continúa a defender a súa inocencia logo de que o xornal francés Le Monde o acusase de doparse no último Tour de Francia. O de Mos anunciou este sábado que xa mandou á Axencia Antidopaxe de Francia, por fax e por correo certificado, todo o seu historial. Nel vese "claramente que podería tomar moitísima máis medicación" da que toma. Segundo Pereiro, "a UCI xa o sabe desde hai uns anos" e asegura que ten unha cartilla de saúde na que indica que ten permiso para usar Ventolín. O virtual gañador do Tour sinala que ten un xustificante de até 1.000 nanogramos, e que na proba francesa só chegou a dar 159.
Nese sentido, Pereiro amosa a súa desconformidade coa situación nunha entrevista ao Diario Marca e asegura que se en Francia non aceptan a menciña deberían dicilo antes da carreira, "e se chega o caso, que non me deixen correr. Sería moito máis lóxico".
Nos informes enviados este venres a París recollese que Pereiro padece "asma perenne intermitente e leve". Os oito folios de informes inclúen ademais todas as probas con metacolina ou provocación bronquial. O ciclista galego asegura que a súa doenza vai en aumento e que o que están a facer con el "é un atropelo". Ademais insiste en que vai seguir reclamando o título de gañador da proba.