Pasar documentos do galego ao castelán (e viceversa) é moito máis doado grazas a Óscar Hermida, un alumno do instituto Chan do Monte de Marín. Hermida acaba de publicar na rede Traducíndote, un programa capaz de traducir automaticamente textos a través de internet. A aplicación funciona completamente en liña, sen necesidade de instalar ningún programa no computador. Esta ferramenta, que explota a tecnoloxía creada no proxecto Opentrad, tamén traballa con arquivos de OpenOffice.
A principal virtude do programa desenvolvido por Hermida é que é capaz de cargar un documento de OpenOffice e pasalo ao galego conservando o formato. A aplicación basease noutra ferramenta libre de tradución, chamada Apertium, que permite traducir documentos entre galego, castelán, portugués e inglés. "É posible facer a tradución do inglés ao catalán, e despois ao galego, pero a calidade non é a axeitada" puntualiza Hermida, quen agarda a resposta dos usuarios para incluir novas prestacións.
Vantaxes do software libre para o galego
A publicación deste tradutor é un bo exemplo de ata que punto o software libre facilita a creación de novas ferramentas en galego. É que no proceso libre de desenvolvemento de software os programadores poden aproveitarse dos avances creados por outros informáticos. Polo contrario, os programas propietarios impiden que se use o seu código sen a aprobación do dono da ferramenta. Por exemplo, calquera pode colaborar na tradución ao galego do OpenOffice, mentres que só Microsoft pode autorizar o desenvolvemento dun Office en galego.
Neste caso, un alumno de segundo ciclo de desenvolvemento de aplicacións informáticas foi quen de crear un programa de gran utilidade, usando como base outras aplicacións libres. Ademais fixoo en moi pouco tempo, pois Hermida admite que só lle adicou a creación de Traducíndote "o Nadal, polo día e parte da noite e algunha clase a volta das vacacións".
A base de Traducíndote é Apertium, que a súa cez é froito de Opentrad, a iniciativa pública que culminou co desenvolvemento dun sistema de tradución automático entre as catro linguais do estado. O Seminario de Lingüística informática da Universidade de Vigo e a empresa Imaxin Software foron os axentes galegos en Opentrad.