Daniel Soutullo, profesor de Instituto no Grove, é un recoñecido especialista no campo da Bioética, un dos espazos científicos de maior actualidade e potencial polémico. Recentemente, vén de publicar un libro sobre esta especialidade (Las células madre, el genoma y las intervenciones genéticas. Ensayos sobre las implicaciones sociales de la biología. Madrid, Ediciones Talasa), ao tempo que no Parlamento estatal se aprobaba unha nova lei que regula as técnicas de reprodución asistida e prepárase un proxecto de lei sobre investigación biomédica que permitirá a legalización da chamada clonación terapéutica. Con el conversamos unha tarde de vento e choiva aos que nos ten acostumado esta fin de outono. Unha entrevista de Miguel Vázquez Freire con fotografías de Quico López.
Poderías comezar explicando que é a Bioética.
A Bioética é o estudo das implicacións morais ou éticas das aplicacións da bioloxía e da medicina. Sobre todo, da medicina. A medida que a biotecnoloxía aplicada aos seres humanos se desenvolve, hai aplicacións desa biotecnoloxía e da xenética, aplicacións biomédicas, que tamén se estenden á bioloxía. Ten tamén unha rama, que se considera menos, que toma en conta as implicacións para o medio ambiente.
Para certas correntes da filosofía da ciencia, os problemas bioéticos serían característicos do desenvolvemento tecnocientífico, en tanto que ese desenvolvemento fai imposíbel o ideal obxectivista da ciencia positiva ao pór en marcha un xogo de intereses nos que as decisións ético-morais afectan ás decisións dos científicos para alén da simple procura da verdade. Estarías de acordo con este tipo de enfoque?
Efectivamente, na ciencia actual e, en particular, na bioloxía xa non se pode considerar separada, por un lado a ciencia pura e por outro a técnica. Están integradas e hai intereses económicos, incluso políticos, de distintos países involucrados. Por exemplo, un biólogo norteamericano, Richard Lewontin, dicía que non coñecía a ningún biólogo molecular importante que non tivese intereses económicos en empresas de biotecnoloxía. Os científicos non reflicten unicamente os puntos de vista científicos, senón os seus propios intereses nesa empresa, tanto económicos como doutro tipo, e a Bioética entra aí para valorar todas esas implicacións -morais, sociais…- dos intereses en xogo.
O Proxecto Xenoma Humano adoita ser citado como un caso paradigmático de empresa biotecnocientífica. Nese contexto, a oposición entre Watson, que defendía unha posición de dominio público sobre as investigacións, e Craig Venter, defensor da privatización, con todo o problema das posíbeis patentes derivadas da investigación xenómica, sería tamén un paradigma de conflito bioético.
Ese caso coñézoo bastante ben. Eu creo que o punto de vista de Watson non é tan puro como ás veces se pensa. É certo que, cando era director do Proxecto Xenoma Humano, estaba en contra da proposta de patentes que fixera Craig Venter porque a investigación de Venter implicaba solicitar patentes de segmentos de ADN dos cales non se coñecía a función. Respecto disto, el dicía que era un disparate, porque podía mesmo limitar ou paralizar a investigación futura. Se alguén no futuro descubría unha función para ese xene, pero este estaba patentado previamente, as aplicacións que puidese ter estarían limitadas ou habería que pagar por iso. Así que el estaba en contra de que se patentasen segmentos xenéticos dos cales non se coñecía a función. De feito, ao final non se chegaron a patentar. Pero Watson nunca se opuxo ás patentes de xenes, se deses xenes se coñecía a función. Tamén, hai quen sospeita que Watson -cando dimitiu do Proxecto- tiña algún conflito de intereses, porque el era accionista dalgunha empresa, pero a dimisión foi presentada como que el defendía a investigación pública, sen limitacións de patentes, fronte a Venter, que era unha especie de falcón da empresa privada. Pero, en todo caso, o punto de vista de Watson non era tan purista como se adoita dicir.
Desde a perspectiva dun lego, todas estas implicacións e todas estas empresas dirixidas á investigación xenética, parecen remitir a aquela anti-utopía de Aldoux Huxley, d’Un Mundo Feliz. É unha esaxeración dicir que a ameaza ética que hai detrás da tecnociencia no campo da bioloxía pode levarnos ao "mundo feliz" huxleyano?
Algo de esaxeración é. En primeiro lugar, porque o mundo feliz de Huxley preséntase como unha antiutopía dunha especie de ditadura xenética, pero os individuos na novela están case máis condicionados por factores ambientais que xenéticos. Agora ben, deixando á parte a interpretación da novela, a biotecnoloxía –ou a enxeñería xenética aplicada aos seres humanos- si que presenta algúns perigos. Pero eu creo que as posibilidades de transformar a natureza humana están a ser moi esaxeradas. Non sabemos o que dará todo isto de aquí a cincuenta ou cen anos, desde logo, pero as posibilidades de intervención xenética para cambiar a conduta humana son moito menores que –por exemplo- as posibilidades de cambiala mediante fármacos.
A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (decembro de 2006, nº 115)