Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACUSAN A DIRECCIÓN E A XUNTA DE "DESLEIXO"

Os traballadores da Semana Verde ventan a creba e o seu presidente nega este perigo

As dúbidas sobre o futuro do recinto feiral da Semana Verde volven aparecer. Mentres os representantes do medio cento de traballadores temen unha creba financeira do ente nos vindeiros meses, este martes o presidente da Fundación Semana Verde, Xosé Maril, desmentía de "xeito rotundo" que o recinto estea a piques de pechar. Polo de agora, a Xunta aínda non deixou claro o futuro das instalacións e a reorientación que precisa segue enriba da mesa.

- 10:36 10/01/2007
Tags:

As luces de alarma prendéronse a pasada semana. Os delegados dos traballadores da Fundación Semana Verde de Galicia convocaron aos medios locais para denunciar o "abandono" que sufría o recinto feiral. Os operarios subliñaron a grave situación económica que sofre o ente e incluso dixeron explicitamente que a creba podería estar moi próxima. Os traballadores cargaron contra o presidente da Semana Verde, Xosé Maril, pero tamén arremeteron contra a Consellería de Presidencia que é a que exerce o protetorado do padroado. Consideran que o departamento de Méndez Romeu estase a desentender do problema, á vez que se nega a recibilos. De Medio Rural aseguran que só se está preocupando da Lonxa Agropecuaria.

Ao fío destas declaracións, o presidente da Semana Verde fixo público este martes un comunicado no que se desminte un posíbel peche do recinto. Lembra que "a institución está a operar dende 1999 sen recibir aportacións económicas comprometidas polos membros do seu Padroado. Aínda así, a Fundación ten un patrimonio valorado en 90 millóns de euros". Subliña que todos os traballadores cobran puntualmente as súas nóminas. Tamen afirma que a Xunta está a elaborar un plan estratéxico para o recinto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: