O exercicio de memoria que levamos facendo dende o ano pasado non remata co 2006: a investigación e a divulgación sobre a represión franquista en Galiza continúan coa estrea en Pontevedra, este luns 8 de xaneiro, dun documental que recolle a travesía do Barco da Memoria, que recalou en dezaoito localidades ao longo do ano nun programa de actos organizado pola Consellería de Cultura e Deportes. Tamén gozaremos da exposición "Os mártires do mar: A represión franquista na costa galega", que percorreu as nosas costas ao longo do ano nas adegas deste barco. A cita é ás oito na biblioteca pública. En Compostela, mentres, podemos aproveitar para irmos ver, no seu último mes, a exposición 'Memorial da liberdade', no Auditorio de Galicia.
A memoria gravada
Xunto ao percorrido do Barco, o documental relata a historia de oito das vítimas da represión até os seus máis íntimos recordos sobre a represión vivida. Deste xeito, a viaxe física do buque dálle paso á viaxe persoal dos protagonistas.
Ao acto de presentación do documental acudirán o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lóres; o comisario da exposición que circulaba no Barco, Dionisio Pereira; e o director e a guionista do documental, Marcos Gallego e Comba Campoy, respectivamente.
A memoria fotografada e testemuñada
A exposición "Os mártires do mar" estará na biblioteca até o 19 de xaneiro. dende entón até xuño, percorrerá outros dezaseis espazos expositivos galegos, maioritariamente centros de ensino. Paralelamente, a exposición "Illa da Memoria" estará dende este martes 9 até o 19 en Cangas. Comisariada por Antón Caeiro, a mostra amosa a historia do presidio franquista creado na Illa de San Simón. Inclúe diversas imaxes e documentos do campo de internamento polo que pasaron máis de 5.000 persoas encarceradas polos golpistas.
Non podemos perder a oportunidade, tampouco, de asistir á mostra que organiza a Consellaría no Auditorio, comisariada por Henrique Acuña. Co título Memorial da Liberdade, percorreremos a historia de Galiza dende os últimos días da República até a fin da ditadura. Cadros, láminas, fotografías, obxectos persoais, cartas dos que ían ser fusilados, filmes censurados, e todas as cousas que foron testemuña da nosa historia máis recente agardan alí por nós para axudarnos a lembrar.