A compañía de teatro de Pepe Rubianes, Fila 7, chega a Compostela para representar Lorca eran todos. As sesións serán o sábado ás oito e media e o domingo ás seis da tarde no Salón Teatro. Na capital galega, Tranvía Teatro segue a representar Días sin nada na Yago, o venres ás oito e media, o sábado ás dez e media e o domingo ás sete do serán. A compañía Teatro do Noroeste pon en escena Imperial café cantante: Vigo 1936 o venres en Vigo e o sábado no auditorio Caixanova de Pontevedra. Nesa cidade, tamén o día 16, poderase asistir no Teatro Principal ao musical No tempo do cruel Herodes.
No teatro Rosalía de Castro da Coruña estará o venres e o sábado ás oito e media a compañía Vorágine Producciones coa montaxe Tres versiones de la vida, obra de Yasmina Reza dirixida por Natalia Menéndez e protagonizada por Silvia Marsó e José Luis Gil. A mesma sala acollerá o domingo ás sete da tarde o espectáculo Armas bajo control, do Mago Antón, incluído no ciclo Nadal Máxico. Os cativos vigueses poderán ver Contaloucos, de Tanxarina Títeres, o sábado no auditorio municipal. En Ferrol, o Teatro Jofre acollerá o venres ás seis e media a obra de teatro infantil Romeo y Julieta, e o domingo ás oito e media Tres versiones de la vida, que chega dende A Coruña.
Pero non só nas cidades haberá actividades culturais. O venres Mofa e Befa ofrecerán o seu espectáculo Sempre ao lonxe no centro cultural e xuvenil de Muros. San&San presentan Muñekitous. A Nasional Yeografic Riport no Teatro Municipal Área Panorámica de Tui. Ese mesmo día, Títeres Falcatrúa levan as súas Albizaras ao edificio de servizos múltiples do Burgo (Culleredo). Teatro do Atlántico estarán na casa da cultura de Silleda ás nove da noite, con A raíña da beleza de Leenane, e Teatro de Ningures representan Tartufo no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, ás nove da noite.
O sábado, a casa da cultura de Esteiro (Vilanova de Arousa), Lagarta Lagarta representan Carambola (cóncavo, convexo) e Uve Doble Teatro, O veleno do teatro, no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas, ás oito. O domingo, Pisando Ovos pon en escena N8 OHX, ás oito e media no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo.