Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CON JAVIER VALIÑO, EX-PRESIDENTE DA AGAPI E RESPONSABLE DE ALDEAFILMS

"Os políticos non saben que a televisión dixital terrestre é un modelo atrasado"

Javier Valiño, ex-presidente da Asociación Galega de Produtores Independentes (AGAPI), alerta sobre os perigos que ameazan á industria audiovisual do país. A Televisión Dixital Terrestre (TDT) -unha das principais apostas públicas contra fenda dixital en Galiza- é para Valiño unha tecnoloxía desfasada e con problemas de financiamento. O responsable de Aldeafilms defende que "o gran problema" do sector é que "non hai profesionais o suficientemente formados".

- 17:25 04/12/2006
Tags:

Nunha entrevista co portal do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, este experimentado produtor arremete contra a falta de diálogo entre universidades e empresas. O resultado é que moitas produtoras, entre elas a súa, teñen que contratar fóra os profesionais que manexan os equipos máis modernos.

Ademais, Valiño advirte que "o mercado audiovisual galego é extremadamente dependente" dos encargos da CRTVG. A solución á "viciosa" relación entre as produtoras e o ente público non é doada, xa que "sen contratos coa administración este negocio non funciona".

A expansión da TDT, coa chegada de dúas novas cadeas autonómicas, que expectativas de negocio crea para as produtoras audiovisuais?
Moi pouquiñas. Os políticos non son conscientes de que a TDT é xa un modelo atrasado. Aínda non saíu e xa está vello, porque realmente a verdadeira converxencia da televisión co mundo dixital darase cando a sinal chegue dende os servidores a través da televisión IP. A TDT non é máis cá dixitalización da sinal da televisión convencional; polo que as funcionalidades das que tanto se falaba (como a compra a través da TDT ) non son posibles. As estadísticas mostran que a maioría dos receptores que compra a xente son unidireccionais, non permiten case interacción. O gran problema, a gran verdade que ninguén quere escoitar, é que a TDT nace sen financiamento. As fontes de ingresos dos operadores de televisión son os anunciantes. Que van facer eses anunciantes con un pastel de audiencia tan segmentando no que ninguén sabe onde poñer os seus anuncios? Agora xa hai vinte canais!

Que deberían facer as administracións para apoiar ás produtoras galegas na súa renovación tecnolóxica?
É unha pregunta moi complicada. Necesitamos contratos, porque a dependencia das produtoras da administración respecto a Televisión de Galicia é dun 90% , e nas produtoras grandes é realmente dun 100%. O mercado audiovisual galego é extremadamente dependente porque así foi creado por anteriores gobernos. O gran problema é que sen contratos coa administración este negocio non funciona. As subvencións dilúense finalmente, unha subvención permíteche facer unha aposta concreta pero non unha inversión continuada no futuro da empresa. Pero claro, recoñezo que é a relación das produtoras coa administración é moi viciosa. Esta relación ten que ser moi estrita, orientada a proxectos de interese público; pero o equilibrio é moi difícil de atopar.

Ata que punto hai fuga de cerebros no sector audiovisual galego?
No caso do audiovisual, iso non é certo. O gran problema en Galiza é que non hai profesionais o suficientemente formados. Podemos falar da existencia dunha "punta de lanza", un grupiño de cinco ou seis profesionais cunha gran formación e que si, emigran fóra. Pero non creo que eses casos sirvan para xeneralizar e afirmar que a xente marcha de Galicia porque aquí non hai oportunidades. Eu defendo o contrario. Un dos nosos grandes problemas é atopar profesionais en Galicia porque non temos a cultura adecuada para formalos. Iso provoca algunhas empresas teñan que buscar o persoal fóra. No caso de Aldeafilms, o 70% dos traballadores veñen de fóra, co sobre-custo que isto provoca.

Aldeafilms foi unha das pioneiras e traballar coa tecnoloxía dixital de alta definición. Tivo problemas para atopar xente coa formación suficiente para traballar con ese equipamento?
Nós e todas as produtoras temos este problema porque en Galicia non hai xente formada abondo. Habería que redeseñar os programas de formación. E aí atopámonos coa universidade, que é algo moi complicado. Pero, dende logo, a formación que se está dando en Galicia non é a adecuada. As empresas e as facultades non imos da man. Non sei porqué, seguramente é un problema noso, das empresas, pero a realidade é que non colaboramos. Daquela, como queremos ter profesionais ben formados se os parámetros cos que se licencian son parámetros moi de docencia e moi pouco de vida real? A xente sae ao mercado de traballo e non encaixa.

Cómpre pois unha mellor comunicación coa Licenciatura de Comunicación Audiovisual...
Non, non. Necesitamos unha mellor comunicación coa universidade en xeral, non con unha licenciatura en concreto. Hai unha materia pendente neste país, a relación entre a empresa e a universidade debe ser moi próxima. Pero en Galicia actúan como compartimentos estancos. Hai experiencias de cando en vez, pero non hai un entendemento continúo no que cada parte aporta cousas de valor. O empresario debe aportar os criterios de competitividade e a docencia a base sobre a que cimentar a cultura empresarial e tecnolóxica da xente moza.

Poden as produtoras galegas aproveitarse da distribución por Internet para abrir novas vías de negocio?
Para poder competir no mercado exterior hai que, en primeiro lugar, entendelo. En segundo lugar, saber empregar as tecnoloxías dispoñibles na sociedade da información. Eu creo que non se está abordando correctamente a alfabetización tecnolóxica. Estanse a dar os primeiros pasos, pero eu creo que son accións demasiado illadas.

Aldeafilms foi unha das primeiras produtoras que apostou pola tecnoloxía de alta definición. Un salto tecnolóxico como ese, que vantaxes competitivas lle pode aportar a unha empresa?
Principalmente apórtache posicionamento no mercado, para poder ser máis competitivos nalgúns aspectos. No noso caso, permitiunos asumir producións que empregando 35 milímetros, a tecnoloxía maioritaria nese momento, eran inabordables. Neste sentido, a alta definición democratizou os modelos de rodaxe e posprodución. Tamén é certo que para a produtora supuxo unha carga orzamentaria moi importante. Toda tecnoloxía debe ter un equilibrio entre os custes e a rendibilidade.


Ligazóns

0/5 (0 votos)