Os militantes demostraron esta fin de semana que o Bloque non é unha formación ao uso. Nada, ou case nada, se pode dicir que estea atado antes dunha destas citas. O primeiro aviso serio foi na votación para futuras asembleas por delegados, ata un 40% dos afiliados presentes dixeron non á controvertida proposta. A partir dese momento, nos corredores non pararon os ruxeruxes. O que máis e o que menos sabía que o exame que tiña por diante Quintana e a UPG ía ser máis complicado do que se agardaba.
Un lixeiro orballo despediu os case 3.000 militantes do BNG que se desprazaron esta fin de semana ata Santiago. Coa noite xa enriba, e despois dunha asemblea vertixinosa, a tribo nacionalista deixou a capital galega e foi na busca das súas respectivas comarcas. As caras eran dispares, a ledicia notábase algo máis nos representantes dos sectores críticos, sobre todo no beirismo, que entrou con forza na executiva. De todos os xeitos, todos eran conscientes de que o resultado, que obriga a buscar un equilibrio interno, foi o mellor que podía ter pasado. Atrás quedaban tres meses de proceso asembleario no que houbo moita tensión e posicións que semellaban irreconciliábeis.
Primus inter pares
Mentres que os cincuenta elixidos deliberaban sobre a composición da Executiva, os militantes esperaban na cafetaría ou botando un cigarriño na porta. Os do Encontro Irmandiño estaban exultantes, lograran case o 20% dos votos e nove representantes no Consello Nacional. A intervención de Beiras na tribuna arrastrou a máis militantes do que moitos agardaban. A Alternativa lograba cinco representantes, ao igual que o Movemento pola Base, que se revela como unha corrente a ter moi en conta a partir de agora. A pesar de estar no goberno, Quintana tiña que conformarse co 62% dos votos, dez menos do que lograra na anterior asemblea. Sen dúbida, o resultado era sensibelmente menor ao que agardaba a lista "oficial"
Aínda que a reunión dos "primus inter pares" era a porta pechada, as noticias ían chegando ao exterior por medio de "confidentes". A primeira oferta de Quintana sentou coma un tiro no sector crítico: un representante para cada candidatura e vetos a determinados nomes. Os opositores fixéronse fortes e ameazaron con presentar unha lista propia á Executiva Nacional. Nos corredores a tensión era xa máxima. Os militantes e a prensa corrían dun lado para o outro e as versións eran contraditorias. Cando ninguén o agardaba, chegou o consenso. A lista gañadora accedía a que o Encontro Irmandiño sentase tres representantes e A Alternativa dous. Dende o Movemento pola Base déuselle a benzón a este acordo pero preferiron quedar fóra da executiva.
Unha dirección condenada a entenderse
Cando se coñeceu a fumata branca comezaron os berros de "benegá, benegá" no auditorio do Pazo de Congresos. Máis do 90% dos presentes aprobaron a nova Executiva e alentaron ao ver que non había que volver pasar polas urnas. Chegou a festa das delegacións convidadas. Os aplausos máis febles foron para os representantes de Convergencia e de Unió e os máis fortes para os de Esquerra Republicana. Aínda así, o momento máis emotivo foi a sonora e unánime saúda ao represente da Fronte Popular para a Liberación de Palestina, que tivo que erguerse varias veces diante dun público entregado.
Os novos dirixentes do BNG teñen por diante a tarefa nada doada de entenderse. A Executiva Nacional é sen dúbida unha das máis plurais da historia da organización. Quintana ten canda el catro dos seus: Clara Millán, Roberto Mera, Ánxela Bugallo e Rosana Pérez; a UPG senta na mesa a Francisco Rodríguez, María Xose Bravo, Ana Pontón, Francisco Jorquera e Alberte Ansede; O Encontro Irmandiño ten no máximo órgano a Xosé Manuel Beiras, Cristina Amor e a Mario López Rico; mentres que A Alternativa senta a Rosario Fernández e a Amada Traba. As contas non fallan, un tercio para Quintana, outro para a UPG e outro para o "sector crítico". Todos terán que ceder e todos terán que vogar para sacaren adiante a nave.