Despois de moita tensión e desencontros, Anxo Quintana logrou chegar a un acordo co Encontro Irmandiño de Beiras e coa Alternativa que encabezaba Rosario Fernández Velho, estas dúas forzas terán cinco dos quince membros da Executiva Nacional. O Movemento pola Base apoia a candidatura plural pero prefire quedar fóra do máximo órgano e confórmase cos cinco representantes que terá no Consello Nacional. Quintana diríxese agora ao plenario. A proposta única para a Executiva é: Amada Traba, Rosario Fernández, Mario López Rico, Cristina Amor, Xosé Manuel Beiras, María Xosé Bravo, Alberte Asende, Clara Millán, Francisco Rodríguez, Roberto Mera, Ana Pontón, Ánxela Bugallo, Francisco Jorquera, Rosana Pérez e Anxo Quintana. O portavoz nacional promete "tomar nota" do sucedido na Asemblea e fala de que hai que aprender que o BNG "ou camiña con unidade ou non camiña. É necesario un BNG unido para unha nación en marcha". A esta hora comezan a ouvirse os berros de "benegá, benegá" dos militantes que expresan a súa satisfacción polo acordo. A militancia refrendou o pacto con 1.634 votos a favor, 71 en contra e 82 abstencións.