O Encontro Irmandiño somos un conxunto homes e mulleres militantes do BNG, preocupados pola deriva que ao noso xuizo está a tomar o BNG a respecto dos seus principios fundacionais e da práctica tolerante e integradora que o levou a converterse nun instrumento útil para a liberación nacional e social de Galiza, decidimos defender eses principios fundacionais e restaurar as prácticas e os modos que fixeron do BNG a casa común de todos os nacionalistas e segunda forza política en apoio eleitoral do País.
Queremos que o BNG siga a exercitar a democracia participativa en todas as súas decisión importantes, estamos por tanto a prol do asamblearismo e en contra da pretensión de suprimir a participación directa da militanza na Asemblea Nacional mediante un sistema de representación indirecta por delegados como os partidos convencionais. De ser aprobado iso esta sería, falando en propiedade, a derradeira Asemblea Nacional do BNG.
Queremos un reforzo da vida interna do BNG, da participación militante. Queremos evitar a burocratización, o verticalismo e a transformación calada do BNG noutro tipo de organización de corte partidista, contrario á esencia e á cultura BNG.
Queremos levar, con todo o respecto preciso para as institucións, o proxecto político do BNG á acción de goberno na Xunta de Galiza. Para iso é preciso a primacía dos órganos colexiados do BNG na toma de decisións estratéxicas e non ao revés. Por iso é preciso conter a un nível razoábel a "gubernamentalización" dos cargos políticos internos do BNG.
A pesares de moitas cousas curiosas que temos escoitado e lido estes días, o único que queremos as persoas que integramos a lista do Encontro Irmandiño é participar no traballo colectivo no Consello Nacional do BNG coa representación que os e as militantes, corpo eleitoral soberano, nos queiran outorgar.
Non imos contra ninguén, trátase só de elexirmos ás 50 persoas que van integrar o próximo Consello Nacional para os vindeiros 3 anos. Queremos un Consello Nacional que conte con todas as visións, opinións e aportacións de todo o que compón hoxe o BNG.
Nós temos criterio do que se debe facer o e do que non, temos as nosas propostas para o proxecto político estátéxico do BNG, temos ideas para un BNG no Goberno. Consideramos moi importante o éxito dun nacionalismo no goberno por primeira vez na súa historia, por iso hai que arrimar o hombreiro, non excluír a ninguén, hai que habilitar canles para aportar todo o potencial a este labor.