En plena loita polo cumprimento dos mínimos para a lingua galega estabelecidos pola lei nas aulas do país, vén de abrollar unha paradoxal rifa, apadriñada politicamente, sobre a presunta discriminación da lingua española nas aulas. A cuestión foi amplificada inicialmente en Madrid polo grupo do PP no Congreso, aproveitando para relacionalo co tirapuxa particular que manteñen cara ao catalán, e é recollida agora polo PPdeG, acusando á Xunta de catalanizar a política lingüística. A polémica volve á actualidade polo documento asinado por un grupo de profesores de lingua española que se negaban a elaborar os documentos administrativos en galego. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, negou este xoves que existise calquera tipo de agresión lingüística nas aulas. O vicepresidente, Anxo Quintana, ironizou sobre a cuestión da presunta discriminación do castelán que "iso é coma o conto de que son os paxaros os que se tiran ás escopetas".