A Casa de Galicia en Toulouse (Francia) organiza dende o xoves até o sábado Arte de Migrar, o segundo encontro de poesía galega, occitana e catalá. As xornadas inauguraranse ás tres da tarde na biblioteca universitaria de Toulouse-Le Mirail, onde se vai amosar unha exposición fotográfica dedicada a Xosé Neira Vilas, Bernard Lesfargues e Jordi Pere Cerdà, que son os tres autores aos que se lle rende homenaxe nesta edición. O venres ás dez da mañá, na sala do consello da presidencia da universidade leranse poemas traducidos a varias linguas dedicados aos escritores homenaxeados.
Ás catro da tarde, na sede do Instituto Cervantes da cidade francesa, comezará unha mesa redonda sobre o tema "Dun territorio a outro, dunha lingua a outra. Lingua e creación dende o exterior", que irá seguida de lecturas dos poetas convidados alternadas con interludios musicais. Deseguido, a cantante Uxía ofrecerá un concerto. A xornada rematará cunha cea literaria e musical cos socios da casa galega. O sábado estará ocupado cunha percorrido polo río Garona nunha péniche, que culminará cun xantar literario a bordo.