Lugo comeza hoxe a conmemorar o sexto aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Ata o xoves, vanse desenvolver no salón de actos do centro social Uxío Novoneyra as xornadas de arqueoloxía "O patrimonio arqueolóxico das cidades como recurso cultural e turístico". Durante estes catro días, pasarán por Lugo expertos de toda España, que incidirán na idea de preservar o patrimonio da cidade, que tamén constitúe unha fonte de riqueza. Asemade, estase a traballar na creación dunha web sobre o Lugo romano e o catálogo arqueolóxico do termo municipal.
Ademais, coincidindo coa data do aniversario, o xoves entregaráselle a medalla de ouro da cidade á Real Academia Galega, e ofrecerase un concerto no Círculo das Artes a cargo de Amancio Prada. O cantante berciano volverá a Lugo despois de moitos anos para ofrecer un recital intimista. O acto, que será gratuíto, está organizado polo Concello e mais a Sociedade Filharmónica.