As dúas detencións practicadas pola Policía esta semana en Santiago durante unha protesta contra o ex ministro israelí Sholomo Ben-Ami, ergueron unha forte polémica. Os dous mozos, estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, Iago Barros e Aurelio López, denuncian nunha carta aberta que foron agredidos pola Policía. Segundo esta versión, recibiron labazadas e incluso golpes nos xenitais. Organizacións como Briga, Nós-UP, Agir, Galiza Nova ou Esquerda Unida denunciaron o uso "desproporcionado" da forza policial.
Iago Barros e Aurelio López, dous estudantes da USC detidos en Santiago nunha protesta contra o ex ministro israelí Sholomo Ben-Ami, sinalan que tiveron que recibir coidados sanitarios logo de permanecer detidos a noite do 21 ao 22 de novembro na comisaria compostelana. Segundo a súa versión, foron detidos baixo a acusación de "desobediencia e inxurias á autoridade".
Os mozos aseguran que foron trasladados á comisaría e que unha vez no garaxe da mesma foron golpeados. Sinalan que incluso un dos axentes, o de maior idade, tivo que intermediar para parar a agresión. Logo din que foron levados a unha sala onde reapareceu "o policía antidisturbios que provocou a nosa detención". Os mozos afirman que este axente ameazounos con cortarlles a lingua ou con violalos analmente. Logo de comparecer diante do xuíz, os dous estudantes quedaron en liberdade con cargos e pediron informes médicos para presentar denuncias contra os axentes.