Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
O PRIMEIRO CONCELLO EN OFRECERLLE O SERVIZO A TODOS OS VECIÑOS

Banda larga sen fíos e de balde para os veciños de Salvaterra

Hai tempo que Ponteareas fora pioneiro en fornecer de internet gratis de alta velocidade a varias zonas do concello a través de rede sen fíos. Agora, o veciño Concello de Salvaterra, que xa lle ofrecía un servizo semellante aos cidadáns nalgunhas parroquias, anuncia que o estenderá en breve a toda a xeografía local. Será o primeiro en Galiza en garantirlle aos veciños o acceso universal de banda larga.

- 13:19 16/11/2006
Tags:

Non só terán ao seu dispor e gratis internet de banda larga, senón que sen custo ningún, os veciños de Salvaterra que o necesiten poderán pedirlle ao Concello a tarxeta de rede necesaria para conectaren os seus computadores.

Hai case medio ano que o municipio puxo en marcha o experimento, empregando unha tecnoloxía wifi 802.11, e na altura de novembro son xa 400 usuarios os que aproveitan o servizo. Agora, e para levar a rede a todas as zonas rurais do concello, vaise instalar unha pequena torre de comunicacións en cada unha das parroquias. Co uso de radio enlaces, os internautas locais poderán navegar a través de conexións de 2 megabites por segundo. O obxectivo é que a rede estea despregada antes da fin deste ano.


Ligazóns

0/5 (0 votos)