Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SAE ADIANTE A POLÉMICA 'DIRECTIVA BOLKESTEIN'

Primeiro paso da UE para a competencia feroz no sector servizos

A directiva Bolkestein foi unha das razóns recoñecidas que influíron en que os franceses lle desen o "non" nas urnas á Constitución Europea. O documento inicial permitía que unha empresa marchase ofertar servizos a calquera Estado da UE, pero rexéndose unicamente pola lexislación do país de orixe. As mobilizacións de sindicatos e colectivos diversos contra unha iniciativa liberalizadora que ameazaba especialmente os servizos públicos, bloquearan até agora a súa aprobación. Este mércores, o Parlamento Europeo deulle adiante a un texto que rebaixa un chisco a agresividade da primeira proposta.

- 13:03 16/11/2006
Tags:

O novo documento da que se coñecía como directiva Bolkestein acepta que cada socio da Unión Europea poida estabelecer restricións para esa apertura do mercado en determinados sectores. Dese xeito, os gobernos poderán argumentar razóns de seguridade ou orde pública, protección do medio e outros, para bloquear a liberalización completa. Do mesmo xeito, decidiuse que os servizos de interese xeral queden fóra do alcance desta nova lexislación, que non lle afectará ao sectores do transporte, comunicacións electrónicas, saúde, financeiro ou audiovisual. Tampouco no subministro de auga, electricidade ou gas se introducen cancelas para que os gobernos poidan frear o acceso das empresas de fóra.

Con todo, a directiva esixirá que os estados xustifiquen polo miúdo cada unha das imposicións restritivas diante da Comisión Europea. Eran xa máis de tres anos de debate na Unión Europea sobre o futuro desta iniciativa, que en palabras do presidente da Eurocámara, Josep Borrel, "conseguiu equilibrio entre a apertura de servizos e o respecto das normas sociais". O texto aínda deberá pasar polo consello de ministros antes de que remate o ano, e non será de obrigado cumprimento deica o ano 2009, momento en que todos os estados da UE deberán ter a norma incorporada ás súas propias lexislacións.

Un informe da Comisión Europea fala da posibilidade de crear até 600 mil novos empregos grazas á directiva. Desde a Confederación Europea de Sindicatos están satisfeitos polos cambios sobre o texto inicial, aínda que desde colectivos sociais como Attac opinan que se está abrindo o camiño a recortes na protección social e redución dos estándares de calidade na UE.


Ligazóns

0/5 (0 votos)