Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOVA CORRENTE DE OPINIÓN NO BLOQUE

Beiras promove o Encontro Irmandiño para mudar un BNG con problemas de "funcionamento" e "ideolóxicos"

"O BNG non pode supeditar a súa liña política á acción de goberno na Xunta nin debe converter a súa estrutura organizativa e por extensión a súa militancia, en simples espectadores, pasivos e inertes, da acción de goberno, por máis correcta que esta poida ser". Así o recolle o documento fundacional do grupo O Encontro Irmandiño, creado a pasada semana e presentado formalmente este luns en Compostela, con Xosé Manuel Beiras como cabeza visíbel á fronte. Os seus obxectivos son "fomentar o debate interno" e o "pluralismo" dentro do BNG e facilitar unha "rexeneración democrática" da formación política.

- 06:52 10/10/2006
Tags:

"Non nos constituímos como corrente para un asalto ao poder, nin para ir en contra", precisou o propio Xosé Manuel Beiras ao respecto do colectivo, "procuramos facer as críticas dede dentro e cremos que a nosa proposta é a mellor maneira de recuperar o BNG", explicou quen fora durante longos anos voceiro nacional da formación.

Beiras opinou ao respecto que "o espírito do BNG" estaría "deteriorado" e que a dirección da formación nacionalistas tería renunciado nos últimos tempos a aplicar "o seu corpo ideolóxico" e referiuse a que "alén das críticas ao funcionamento hai tamén un problema ideolóxico". De xeito especial, os promotores do Encontro Irmandiño referíronse á revisión da dinámica asemblearia que reecntemente se propuxo desde a executiva. Os Irmandiños critican que a dirección do Bloque "practicou unha política de esvaciamento participativo e plural da organización" e láianse do que cualifican de "discurso triunfalista para o consumo dos medios de comunicación" e do "institucionalismo esaxerado", factores que segundo explican estarían motivando que o BNG "estea deixando de ser unha referencia política para importantes sectores sociais".

O Encontro Irmandiño presentarálle formalmente as súas iniciativas á militancia do BNG durante a próxima Asemblea Nacional da formación, e deixa abertas as portas para deica aquela tender pontes con outros movementos similares, caso da recentemente presentada A Alternativa. Con todo, de xeito explícito, Beiras viu difícil que esa interlocución se vaia abrir neste momento coa actual executiva e co voceiro nacional e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, toda vez que os responsabilizan dos problemas fronte aos que se crea o colectivo dos Irmandiños. "Non hai unha posición prefixada", recoñeceu Beiras ao respecto desa cita asemblearia, recoñecendo que podería chegarse a acordos para a elaboración de listas "sempre e cando teñan fundamento en coincidencias sobre a base do documento onde se expoñen as nosas liñas básicas".


Ligazóns

5/5 (2 votos)