O Festival Internacional de Cinema Cineuropa contará desde este ano co premio Chano Piñeiro que recoñecerá a producións galegas participantes neste certame no que se exhiben en versión orixinal os filmes máis recentes do panorama europeo e tamén asiático. A decisión foi anunciada este mércores pola Secretaría Xeral de Comunicación. Ademais, Curtocircuito na Rúa tamén quere lembrar a figura do director da Terra de Montes e para iso proxectará hoxe dúas obras súas que non foran antes exhibidas ao público.
O secretario xeral de Comunicación da Xunta, Fernando Salgado e o presidente do Consorcio de Santiago e rexedor compostelano, Xosé Sánchez Bugallo, asinaron este mércores, na capital galega, un convenio de colaboración para a promoción do patrimonio audiovisual galego co premio 'Chano Piñeiro' a partir da próxima edición de Cineuropa, que se celebrará en novembro como ven sendo habitual nos últimos 20 anos en Compostela.
Froito deste convenio, o citado departamento achegará 60.000 euros para a dotación do premio 'Chano Piñeiro' así como para a organizar actividades de promoción e difusión da produción audiovisual feita en Galiza. Tanto Fernando Salgado como o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández, advertiron de que "os técnicos están perfilando" os detalles do galardón e das actividades promocionais do audiovisual galego.
Concentrar esforzos
Salgado apuntou que para cumprir coa institucionalización dun galardón dedicado ao director galego Chano Piñeiro, en recoñecemento á súa figura e á súa contribución á cinematrografía galega, se podía optar por crear un novo festival ou por encaixalo nalgún dos xa existentes en Galiza. O departamento que preside decidiu encadralo en Cineuropa "para non dispersar máis" o actual panorama e ve "acertado" que se optase por Cineuropa, por ser o certame "máis veterano" en Galiza.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago considerou que este apoio significará "un salto cualitativo" para un festival que xa se caracteriza por "traer a Galicia as mellores producións" e tamén para o audiovisual galego. Sánchez Bugallo apostou por, a partir do convenio de colaboración asinado hoxe, "sacar adiante un proxecto do que toda Galiza se sinta orgullosa e satisfeita".
Chano Piñeiro volve á rúa
A última cita co festival santiagués de curtas CurtoCircuito na Rúa, lembrará tamén hoxe xoves a Chano Piñeiro cunha proxección que "será moi especial" por estar dedicada de maneira total ao director galego desaparecido fai 11 anos coa proxección das obras 'Eu, ou tolo' e 'Os páxaros morren non aire', que nunca foron ofrecidas anteriormente ao público, din os organizadores do festival.
Esta sesión con filmes de quen foi o renovador do cinema galego dos 80 e primeiros dos 90 anunciouse na penúltima proxección de CurtoCircuíto na Rúa, que se celebrou na Praza de Abastos da cidade compostelana contando cunha "invitada de honor", unha das organizadoras do 'Signals Media Festival' -certame de curtas Británico-, Gabriela Medina-Herrera.