A pregunta "Viches o alcalde de Ortigueira no programa de Pocholo?" levaba varios días circulando de bocas a orellas incrédulas até que hoxe por fin temos o documento gráfico. Grazas a Youtube -e a quen o colgou- podemos ver o fragmento do programa Pocholo Ibiza 06, emitido pola Sexta o pasado martes, no que se ve o mesmísimo Antonio Campo, moi animado e xeneroso, compartindo a noite ibiceira co popular sobriño-neto de Franco. Á súa intervención non lle falta de nada: nin rapazas guapas, nin gaiteiros, nin exhibición de billetes de 500 euros, nin promoción do festival do mundo celta, que tal vez foi a razón que levou o rexedor a viaxar á illa balear. Nos dez minutos de vídeo podemos ver cómo Campo mide a dialéctica -e a carteira- con Pocholo Martínez-Bordíu, que tras o encontro comenta: "Menudo paxaro. Este... sabe latín". Corran ver o vídeo aquí.