O ministro de Xustiza, Juan Fernando López Aguilar, vén de anunciar que a contribución voluntaria no IRPF ás oenegués con fins sociais se elevará ata o 0,7 por cento, igual que o aprobado a semana pasada para a igrexa católica. O acordo presentado o pasado venres elimina a contribución do Estado á igrexa e eleva o 0,7 o actual 0,52 por cento do IRPF. Aínda que a semana pasada o Goberno sinalaba que non tiña previsto subir a porcentaxe para as oenegués, o anuncio deste luns iguala as aportacións aínda que o ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera puntualizou que a medida está aínda "en estudio".
As oenegués recibirán o mesmo trato no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas que a igrexa católica. Así o anunciou este luns o ministro de Xustiza, López Aguilar, logo de que as oenegués reclamasen unha subida do 0,52 ata o 0,7 por cento, igual que a anunciada o pasado venres para a igrexa.
Nada máis coñecer o acordo anunciado o pasado venres, as oenegués reclamaron tamén este trato no IRPF. Trátase dunha vella demanda destas organizacións que no seu día chegaron a pedir o 1 por cento.
En total, no último exercicio, destináronse 127 millóns de euros a organizacións con finalidades sociais, a través cadro específico da declaración da renda. No impreso do IRPF o declarante pode elixir entre colaborar con oenegués ou coa igrexa católica.
Jesús Caldera, ministro de Traballo e Asuntos Sociais, matizou as palabras de Aguilar e puntualizou que a medida está aínda "en estudio".