Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ADEGA REXEITA AS DECLARACIÓNS DO DIRECTOR DE STOLT REFERENTES A QUE "TODO O QUE NON SE ADQUIRA SERÁ EXPROPIADO FORZOSAMENTE" E APOIA Á PLATAFORMA DE QUILMAS EN CARNOTA

ADEGA insiste en que as instalacións de acuicultura deben cumprir criterios de sostibilidade e non afectar a espazos de alto valor natural

O nefasto Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria deseñado polo governo anterior á maior gloria das empresas do sector, segue ocasionando problemas á sociedade galega e ao seu ambiente. A decisión de trasladar a Porto do Son a piscifatoría da empresa Stolt que ía a ser instalada en Corrubedo, ás portas dun Parque Nacional, non é suficiente para garantir a sostibilidade ambiental e social do proxecto.

- 07:09 12/09/2006
Tags:

A día de hoxe, descoñecemos a superficie que vai ocupar, o estudo de impacto sobre o territorio e a ría, sobre o patrimonio e a economía da zona, así como as medidas correctoras e compensatorias. Sen esta información, parécenos irresponsábel falar sobre as bondades ou as eivas de emprazar na Costa Galloufa (Abuín-Porto do Son) unha instalación da que descoñecemos as características. Neste senso, ADEGA agarda que o proxecto da empresa seña canto antes sometido á exposición pública para que, como nos casos de Touriñán ou de Rinlo, a sociedade galega poida coñecer de qué xeito de vai ver afectado o medio natural.

Outro tanto ocorre coa ampliación da piscifatoría de Quilmas en Carnota, tamén da empresa Stolt. Nestoutro caso, existe unha máis que probábel afección ao LIC Carnota-Monte Pindo, incluído na Rede Natura 2000. A este respeito, ADEGA reitera a súa oposición a que un só metro cadrado na nosa xa cativa Rede Natura sexa ocupado por instalacións ou obras alleas aos obxectivos da Directiva de Hábitats, e que poidan poñer en perigo a conservación dos valores naturais destes espazos.

Finalmente, ADEGA quere expresar a súa indignación e o seu rexeitamento ante as declaracións do responsábel de Stolt, Sr. García, ameazando directamente aos veciños de Abuín e Quilmas coa expropiación. Trátase dunha intolerábel chantaxe e dunha falsidade intencionada: a empresa non ten poder para expropiar nada e debe aterse ás decisións que adoite a administración en cumprimento da legalidade urbanística e ambiental. E xustamente a administración é a que debe velar polos intereses xerais e o cumprimento da legalidade, tendo en conta criterios de xustiza social e sustentabilidade.

ADEGA quere expresar tamén a súa solidariedade cos veciños de Abuín (Porto do Son) e Quilmas (Carnota) fronte á conduta de Stolt, e exixe á Xunta que dé a coñecer canto antes as características técnicas e as memorias dos proxectos presentados pola empresa. Aliás, a administración non debería permitir as actitudes prepotentes e intimidatorias dos responsábeis de Stolt, e en todo caso, estas actitudes deberían terse tamén en conta á hora de valorar a idoneidade dos proxectos e conceder ou non os permisos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: