Ás portas do apagón analóxico, pouco trascende das posibilidades da nova Televisión Dixital Terrestre máis aló do aumento de opcións na grella televisiva. Desde Facenda anuncian agora dunha novidade vencellada, coincidindo co décimo aniversario da chegada da propia web da Axencia Tributaria: Na próxima campaña da renda vaise poder solicitar o borrador da declaración ou mesmo pedir cita previa, a través da TDT, vía mando a distancia. Será así a primeira axencia fiscal a nivel europeo en prestar servizos por esta canle. Por outro lado, as delegacións en Galiza de Facenda tramitaron en 2006 un total de 197 mil declaracións do imposto da renda, cincuenta mil máis que o ano pasado. A maioría fíxose a través da delegación coruñesa, 75 mil, e as de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo tramitaron 29, 21, 46 e 23 mil respectivamente. No conxunto do Estado, presentáronse a través de internet até 3.7 millóns de declaracións, un 26% máis que en 2005.