Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROCESO PENDENTE DE REVISAR

O concurso que lle deu licenza de tv á Cope: "Chafallada" xurídica e informe "arbitrario"

Vai para un ano que na mesa do goberno actual está o recurso presentado contra o proceso que lle outorgou ao Grupo Voz e Popular TV unha licenza de televisión dixital. A argumentación dubida especialmente do proxecto fornecido pola Cadena Cope, que xa traballa no deseño da súa canle, mentres emite en analóxico para algunhas cidades, desde Madrid e sen desconexións locais. Filmax, o Grupo Correo, Editorial la Capital, El Progreso, La Región, Xoán Carlos Rodríguez Cebrián e Prensa Ibérica, agardan a que a Xunta confirme que non revisará esa adxudicación para decidir se acoden a outras vías. No recurso presentado en outubro argumentaban a "nulidade radical do acordo do Consello da Xunta do 22 de xullo de 2005".

- 07:01 11/07/2006
Tags:

Incumprimento das bases administrativas: A "chafallada" xurídica
"O acordo é radicalmente nulo por ter violado o prego de bases administrativas e máis o Texto Refundido da Lei de Contratos do Estado: as ofertas foron avaliadas por terceiros alleos á Mesa de Contratación sen habilitación legal ningunha e sen garantías de imparcialidade". Velaí o primeiro pé no que se fundamentaba o recurso presentado contra a adxudicación.

Os denunciantes advirten que a mesa de contratación non emitira a sú proposta até o 21 de xullo de 2005, xusto o día anterior á que o propio Consello da Xunta decidise a adxudicación. Por riba, sinalan que ésta se baseaba en informes alleos á propia Mesa. Un mes antes, a consellaría de Cultura e Comunicación, con Xesús Pérez Varela á fronte, nomeaba unha "comisión multidisciplinar", formada por catro persoas, das que non se xustifica a relación co obxecto do contrato nin a súa solvencia técnica: unha licenciada en Telecomunicacións no primeiro ano de exercicio, un licenciado en Económicas sen exercicio como economista nin como profesional da consultoría, un enxeñeiro e un xornalista. Entre outras incorrecións administrativas, ás beira mesmo aparece un pago de 12 mil euros á empresa Soluziona, sen que se documente a súa participación real na comisión e, por outro lado, o enxeñeiro rexeitou asinar o informe sobre a adxudicación.

Un informe "arbitrario"
A arbitrariedade do informe técnico co que o Consello da Xunta aprobou as licenzas e a vulneración do principio de igualdade de trato entre os concursantes, incumpríndose criterios de avaliación que incluía o prego contractual, son o outro pé en favor da denuncia de Filmax e as produtoras galegas.

Criterios coma o uso da lingua galega ou arredor do plano de investimentos aparecen claramento favorábeis á proposta da agrupación empresarial promovida pola prensa galega, aínda que finalmente, o informe co que a Xunta gobernada polo PPdeG defendía a súa decisión dáballe 14.99 puntos de vantaxe ao proxecto da Cadena Cope. Xa que logo, á hora de revisar as propostas, as presuntas inconcrecións do proxecto galego serían aproveitadas para aplicarlle a mínima puntuación posíbel, mentres que as da proposta da cadea dos bispos son corrixidas "interpretativamente". Os denunciantes avaliaron que o informe lle atribuira "indebidamente" un total de corenta puntos ao proxecto da Cadena Cope, polo que de aplicárense estrictamente os criterios establecidos, a iniciativa da conferencia episcopal non tería gañado a licenza, que se lle debería ter outorgado á agrupación empresarial de base galega.

"Un informe que comete tal cantidade de erros, irregularidades e infraccións normativas, defectos de motivación e que discrimina de tal xeito sen causa a un dos concursantes, debe ser anulado, dispoñéndose a retroacción das actuacións para que a Mesa pida novos informes ou prantexe novos xeitos de avaliación para poder chegar a unha nova proposta", afirman.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: