Un xuíz da provincia arxentina de Chubut vén de darlle a razón a Benetton desaloxando unha familia mapuche que ocupara no 2002 un terreo no que vivían os seus antergos. Segundo o fallo, os indíxenas deben renunciar a esas terras xa que pertencen á Compañía de Tierras Sud Argentino, que posúe 970 mil hectáreas na zona, e que está baixo o control da corporación téxtil, que cría na Patagonia boa parte das ovellas das que quitan a lá.
A familia mapuche, unha parella con catro fillos, pedíralle permiso por escrito ao Instituto Autárquico de Colonización (IAC) para facer a súa vivenda neses terreos, e logo de seis meses sen resposta oficial máis que unha autorización oral, ocuparon o predio, araron e sementaron, arranxaron o alumeado, comezaron a criar gando e ergueron unha vivenda precaria. Aos dous meses de teren ese permiso "oral" policías armados e con cans irromperon no terreo e desaloxáronos.
O caso xenerarara bastantes expectativas entre os membros da comunidade mapuche, o cuarto pobo indíxena da América do Sur (600.000 persoas), xa que a Constitución arxentina garante, entre outros dereitos dos pobos orixinarios, o da propiedade comunitaria das terras que tradicionalmente ocupan, e regular a entrega de outras para o seu desenvolvemento humano, así como prohibir o seu alleamento ou embargo. Porén, desta vez foi a multinacional a que gañou a batalla xudicial. "As leis son para los huincas (brancos). Para nós a democracia aínda non chegou", denunciou o líder aborixe Mauro Millán ao coñecer o fallo.
"As comunidades mapuches de Arxentina foron arrinconadas e empurradas a vivir nas peores terras, as máis áridas e inhóspitas. Só se lles permite ocupar predios fiscais, pero non se lles asiste para faceren os trámites de tenencia definitiva, como indica a lei provincial". Así llo explica á axencia de noticias IPS o avogado que defende a familia desafiuzada. Poden ampliar en Rebelión.org.