A vivenda, cunha suba do 5,5%, e o transporte, co 5,2% foron os sectores máis inflacionistas en Galiza durante o mes de maio, segundo datos do Índice de Prezos ao Consumo facilitados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística. O IPC aumentou un 0,4% durante este mes, o mesmo que a media estatal. Pontevedra foi a provincia onde máis subiron os prezos cun 0,5%, seguido de Ourense con catro décimas e Lugo e A Coruña con tres.
O Índice de Prezos de Consumo aumentou en Galiza un 0,4% durante o pasado mes de maio, o mesmo que a media nacional. Con este incremento, no que vai de ano a inflación acumulada sitúase nun 2,1% mentres que a taxa interanual se eleva ata o 4,2%.
Vivenda (5,5%) e transporte (5,2%) son os sectores que recolleron unha maior suba no seus prezos. Hoteis, cafés e restaurantes (2,5%), menaxe (2,2%) e alimentos e bebidas alcohólicas (1,5%) foron os outros sectores inflacionistas segundo o INE. Pola contra, vestido e calzado, ocio e cultura e comunicacións foron os sectores onde se reflectiu un descenso dos prezos.
Provincias
Pontevedra foi a provincia galega onde máis subiron os prezos durante o pasado mes cun 0,5%, superando así a media inflacionista galega e estatal e seguida por Ourense con catro décimas e A Coruña e Lugo con tres.
Ourense tamén é a provincia na que maior incremento de inflación acumulada se deu no que vai de ano, un 2,5%, tamén por encima da media galega e nacional, seguida de Pontevedra (2,3%), Lugo (1,9%) e A Coruña (1,8).
No referido á taxa interanual, só A Coruña non supera a media galega (4,2%) e se sitúa por debaixo dun incremento do 4,1%. O maior porcentaxe da suba respecto a maio de 2005 sitúase en Lugo, cun alza de 4,5%, seguido de Ourense e Pontevedra, cun 4,3%, respectivamente.