A asociación ecoloxista Verdegaia, vén de denunciar hoxe, Día Mundial da Diversidade Biolóxica, que case 250 especies de fauna e flora de Galicia están ameazadas de extinción en maior ou menor medida, segundo os datos recollidos no libro "A Natureza Ameazada 2004". Segundo os ecoloxistas, estes datos revelan unha considerábel perda de biodiversidade na nosa terra, que vai moito máis alá da regresión dalgunhas especies emblemáticas de aves e mamíferos. O empobrecemento do noso patrimonio de biodiversidade é un indicador importante de deterioración ambiental. No Día da Biodiversidade, Verdegaia demanda un maior compromiso institucional e social coa conservación da diversidade biolóxica e, en particular, a implementación dunha política autonómica forte de conservación da natureza.
Verdegaia aproveitou a celebración do Día Mundial da Diversidade Biolóxica para reclamarlle a Consellaría de Medio Ambiente a aprobación inmediata dun Catálogo de Especies Ameazadas e a aplicación de planos de recuperación para todas as especies en maior perigo de extinción antes do 2009. Segundo os ecoloxistas, Galiza é unha das poucas comunidades autónomas que aínda non dispón dun catálogo propio de especies ameazadas, a pesar de ser unha esixencia estabelecida pola vixente lei estatal de conservación da natureza desde hai uns 15 anos.
Verdegaia sinala á alteración e fragmentación dos hábitats como principal causa do serie e rápido proceso de perda da diversidade biolóxica que está a vivir a nosa comunidade, sen esquecer a urbanización desordenada, a contaminación, os incendios, a substitución de hábitats de especial interese por cultivos forestais ou prados, a construción de parques eólicos ou a proliferación sen límite de infraestruturas de transporte. Outras causas importantes de perda de biodiversidade son a pesca e a caza excesivas e a introdución accidental ou provocada de especies exóticas. Por outro lado, o cambio climático global, que xa se iniciou, constitúe unha ameaza moi seria para a diversidade, de non se atenuar e ralentizar a través da redución das emisións de gases contaminantes que o provocan.
É por todo isto polo que Verdegaia considera que é necesario deter axiña a perda desta biodiversidade, para o cal é prioritario introducir cambios fundamentais en todas as políticas públicas que teñen algún impacto sobre a nosa riqueza natural (ordenamento do territorio, agraria, forestal, transportes, enerxía,....) A asociación reclama tamén desenvolvemento desde a Consellería de Medio Ambiente dunha política forte de conservación da natureza, ampliando tanto a rede de espazos de protección especial como a Rede Natura 2000. Segundo Verdegaia, estes espazos poden converterse nunha valiosa ferramenta para o desenvolvemento rural sustentábel se son obxecto dunha boa planificación e reciben un financiamento importante.
Día Mundial da Diversidade Biolóxica
No ano 1994, a Asemblea da Organización das Nacións Unidas declarou o 22 de maio como Día Mundial da Diversidade Biolóxica co gallo da entrada en vigor do Convenio mundial sobre este tema. Trátase dun día para lembrar a importancia de protexer a biodiversidade e velar porque se utilice en proveito de todos. Nesta xornada recórdanse os tres obxectivos básicos do convenio firmado xa hai 12 anos: a conservación da diversidade biolóxica, a utilización sostíbel dos seus compoñentes, e a distribución xusta e equitativa dos beneficios derivados da utilización dos recursos xenéticos.
Existen dous formulacións para conservar a biodiversidade: protexer as especies e as poboacións individuais ou protexer os hábitats nos que viven. O esencial é a conservación de ecosistemas enteiros asegurando a súa funcionalidade. A perda da diversidade xenética, de especies e ecosistemas é un dos maiores perigos para o futuro da humanidade. Outra das ameazas é o desenvolvemento dos cultivos transxénicos que poden ter graves consecuencias ao longo do século XXI, se a presión cidadán non frea o seu crecemento. Nacións Unidas lembra que cada ano desaparecen milleiros de especies e con elas novas posibilidades de culturas agrícolas, produtos industriais ou medicinas para curar doenzas. Coa pérdida da diversidade, aumenta a uniformidade, a dependencia dunhas poucas variedades de plantas para alimentarnos, e sobre todo crece a vulnerabilidade ante pragas e enfermidades.
Os esforzos dirixidos cara á conservación das especies e poboacións, aínda que son importantes, esixen unha gran cantidade de tempo; as medidas inclúen a protección legal das especies individuais, planes de xestión e unha conservación ex situ, é dicir, protexer as poboacións de animais e plantas en zoos e bancos de sementes.
A destrución do hábitat é a maior ameaza actual para a diversidade biolóxica. Un estudo da Conservation International mostrou que case o 24 por cento dos sistemas bioxeográficos da Terra foron completamente transformados polo home, outro 24 por cento parcialmente e só quedan ben conservado un 52 por cento, cifra que se reduce as ó o 27 se se exceptúan as superficies estériles.