Esta mesma semana cumpríronse dous anos dun significativo episodio que dá conta da tradición de irregularidades que arrastra a Deputación de Lugo nos 23 anos que Francisco Cacharro Pardo leva á fronte da institución. Daquela, o PSdeG local abría diante dun notario o sobre no que semanas antes deixaran prognóstico de quen ía gañar cada unha das 46 prazas dunha oferta de emprego público da institución. A particular quiniela resolvíase co acerto de 45 dos 46 postos. En conversa con Vieiros, Manuel Martínez, voceiro socialista na deputación, lembra aquel episodio e cóntanos do escándalo agora desatado.
"Só erramos nun e foi porque a persoa en cuestión presentábase a dous postos posíbeis e déronlle o outro". Así recorda Manuel Martínez, voceiro do PSdeG na Deputación de Lugo, o significativo caso acontecido en terras luguesas en maio de 2004. Tampouco eran novidade por aquel tempo as denuncias por presunto amaño en oposicións convocadas pola deputación. Cruzando datos e diante do notario, os socialistas deixaron redactada unha lista onde facían predición de cales ían ser de entre os aspirantes á oferta de emprego público da institución os que se farían coa praza. Á volta do Día das Letras daquel ano e outra vez co notario e á luz dos medios de comunicación, resolvíase o desafío: 99% de acertos.
Manuel Martínez cóntanos de como os labirintos da burocracia xudicial fixeron cambalear esa denuncia durante anos. "Alegaron que non estabamos lexitimados para actuar", láiase o deputado provincial socialista, "e non quixeron afondar no asunto". A "impunidade e a falta de control" viñan sendo acusación habitual nos procesos de contratación de persoal da Deputación de Lugo e froito de denuncias xudiciais por parte dos partidos da oposición. Martínez lembra que levaron o proceso ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, onde tamén se resolveu "que non estabamos lexitimados". Hai un mes chegou sentenza do Tribunal Constitucional mudando o escenario e dándolles a razón aos socialistas: "A partir de agora calquera concelleiro ou deputado poderá recorrer neste tipo de situacións". Créase así un precedente importante para a resolución deste tipo de denuncias. As sutilezas burocráticas xa foran causa da desestimación por parte do TSXG doutras denuncias por escuros manexos nas contratacións de persoal da deputación. En 2003 os socialistas xa pediran amparo diante do Constitucional noutro caso de denuncia por presunta contratación "a dedo" de parentes e amigos de alcaldes do PPdeG. Por aquel tempo acusaban tamén a Cacharro de privilexiar a persoas próximas ao PP lugués en procesos de contratación para os dous hospitais provinciais.
Anos de denuncias de corrupción: "Percepción social" e resinación cidadá
O voceiro socialista subliña a "percepción social" da existencia de todo tipo de irregularidades na actuación da Deputación, situación da que na súa opinión hai consciencia na sociedade e entre toda a clase política da provincia, e destaca que "é vox populi" que a institución "está sempre no gume da ilegalidade". Nese sentido, lembra o longo historial de máis de sete anos de denuncias que o seu propio equipo na deputación leva facendo.
Este mesmo xoves e mentres se producía a actuación policial, o PSdeG lugués daba unha rolda de prensa para denunciar o uso irregular en Begonte de instalacións de titularidade provincial por parte de particulares, e anunciaban a entrega de documentación á fiscalía onde se proba por exemplo a existencia da embarcación dun ex concelleiro do PP nun destes almacéns.
Esta nova denuncia que chega ao feixe de traballo acumulado que o organismo provincial lle proporciona á fiscalía, recolle a concesión dunha "autosubvención" de 24 mil euros que segundo apunta Manuel Martínez foi destinada "a unha asociación pantasma". Cando hai semanas xa denunciaran a fraude no uso de instalacións da deputación, Francisco Cacharro respondera que todo era legal e se incluía nun convenio coa chamada Asociación para o Desenvolvemento Náutico. Curiosamente, á fronte dese colectivo aparece o propio presidente da Deputación.
O caso "Senén Prieto"
O PSdeG fixera a última denuncia pública sobre o trato de privilexio a esta consultoría luguesa o pasado novembro de 2004. Segundo explica Manuel Martínez, un decreto asinado polo propio Francisco Cacharro facilitaba que o 90% das obras da deputación pasasen por esta empresa, que redactaba os proxectos e facía a supervisión das obras. O protagonismo desta empresa en canta obra se fai en Lugo vén de vello e esténdese á actuación da institución ao longo de toda a provincia. E lembrámoslles que a detención autorizada polo xulgado inclúe o xefe do negociado de Vías e Obras, Alberto Fernández, e o delineante Antonio Lazaré, ademais de Xosé Manuel Romay, vencellado ao mesmo departamento aínda que xubilado desde hai un par de anos. A empresa estaba a nome das mulleres de Fernández e Romay, tamén detidas na mesma operación policial.
"Cando un xulgado actúa con esta contundencia é porque tén probas moi evidentes", agoira Martínez, apuntando que malia a súa gravidade o asunto perdera actualidade mediática desde aquela e "colleu agora a todo o mundo por sorpresa". "Nós de feito sobre o asunto concreto de Setramur non sabiamos nada", recoñece o voceiro do PSOE ao tempo que comenta tamén mesmo a sorpresa ao coñecer a identidade dalgún dos detidos ao que eles non identificaran como parte da suposta trama. O grupo socialista agarda agora a que o sumario se faga público para realizar próximas valoracións sobre o acontecido e está seguro de que "deberá haber responsabilidades políticas".