Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
VERDEGAIA DEMANDA A SUBSTITUCIÓN DA ELECTRICIDADE DAS TÉRMICAS POR AFORRO E RENOVÁBEIS

A central térmica de carbón das Pontes é o foco contaminante europeo que causa maiores danos á saúde humana

Segundo o estudo "Impacto sobre a saúde das emisións de grandes focos contaminantes", realizado pola consultora inglesa EMRC para The Swedish NGO Secretariat on Acid Rain , a central térmica de carbón de ENDESA nas Pontes é o foco emisor de toda Europa que maiores danos á saúde humana provoca por emisións de dióxido de xofre (SO2) e de óxidos de nitróxeno (NOX). De acordo co mesmo estudo, a central térmica de carbón de UNIÓN FENOSA en Meirama (Cerceda), ocupa o lugar 24 entre os maiores focos contaminantes da UE-25, Suíza e Noruega. Para a asociación ecoloxista galega Verdegaia, os datos deste estudo proporcionan un argumento máis a favor da substitución da produción eléctrica das térmicas de carbón polo aforro enerxético e as enerxías renovábeis.

- 15:40 19/04/2006
Tags:

Segundo o devandito estudo, as elevadas emisións de SO2 e NOX da central das Pontes provocarían cada ano unha perda de 19.000 anos de vida ou 1.800 mortes prematuras, mentres que a de Meirama causaría unha perda de 4.400 anos de vida ou, expresados os danos en mortes/ano, 420 (ver cadro anexo). Estes datos non se poden tomar como medidas precisas, nin tampouco se poden entender como referidos só a Galicia, dada a natureza transfronteiriza da contaminación considerada, mais ilustran ben un aspecto parcial do enorme impacto da contaminación das centrais térmicas. O estudo non considera a contribución das térmicas galegas ao cambio climático polas súas cuantiosas emisións de dióxido de carbono (CO2), nin as emisións doutros contaminantes (partículas, metais pesados,�), nin tampouco outro tipo de efectos negativos derivados das emisións de SO2 e de NOX . Polo tanto só tenta valorar unha pequena parte dos danos orixinados polas térmicas de carbón.

O perfil de maior foco contaminante en Europa é unha grande central termoeléctrica, que usa carbón como combustíbel, e que se sitúa no Estado español, Polonia, Ucraína ou Bulgaria. Os datos recollidos no informe refírense aos anos 2000 e 2001. O 2001 é o último ano para o que se dispón de datos no rexistro EPER , que as organizacións ecoloxistas demandan que se actualice anualmente para unha mellor información da sociedade sobre a contaminación causada polos maiores focos de contaminación de Europa.

Unha produción eléctrica moi cara

O estudo citado tamén estima o custo sanitario por unidade de electricidade xerada nas 12 centrais termoeléctricas máis prexudiciais para a saúde. A estimación para a central das Pontes é de 10 céntimos de euro por Kwh xerado, o 4º valor máis alto. Este dato reforza a idea de que, se o prezo da electricidade producida polas centrais térmicas de carbón refletise os seus custos para a saúde humana e o medio ambiente, a electricidade xerada a partir do carbón sería pouco competitiva, o que favorecería moito o aforro enerxético e as enerxías renovábeis, en beneficio do medio ambiente e da saúde.

O estudo encargado polo The Swedish NGO Secretariat on Acid Rain utiliza a metodoloxía usada no programa CAFE (Clean Air for Europe) da Comisión Europea, que trata de pór de manifesto a relación entre a contaminación atmosférica e a deterioración da saúde humana.

A aplicación ás centrais das Pontes e de Meirama, a partir do 1 de xaneiro de 2008, dos límites impostos pola Directiva europea de Grandes Instalacións de Combustión (GIC), forzará unha redución das emisións actuais de SO2 e de NOx, que se conseguirá fundamentalmente pola utilización de carbón importado menos contaminante có lignito pardo extraído nas minas situadas ao pé das centrais, minas que se están a esgotar . Sen embargo, hai que ter en conta que os límites máximos establecidos pola Directiva GIC son superiores aos tecnicamente viábeis e que as centrais das Pontes e de Meirama seguirán a ser, mesmo cumprindo a Directiva GIC, enormes focos de contaminación.

Substituír o carbón polo aforro enerxético e as renovábeis

As centrais térmicas de carbón son as industrias con maior impacto ambiental do noso país. A asociación ecoloxista Verdegaia demanda que a súa produción eléctrica sexa substituída por un maior aproveitamento do potencial do aforro enerxético e das enerxías renovábeis. A prolongación prevista da vida destas centrais tan contaminantes e tan ineficientes é unha agresión inaceptábel ao medio ambiente galego e global. Máis inxustificábel aínda se temos en conta que se están a construír dúas novas centrais térmicas, de ciclo combinado a gas natural, en Sabón e nas Pontes


Documentos

Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: