Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ESPAZO PROPIO NA REDE PARA CULTURA E A LINGUA DO PAÍS

Nace a "Asociación PuntoGal" a prol do dominio galego en internet

Vén de andarse o primeiro chanzo para a consecución do dominio .gal coma un espazo propio para lingua e a cultura galegas en internet. Unha ducia de entidades, Vieiros entre elas, representativas de diferentes ámbitos da sociedade galega, constituíron formalmente en Santiago de Compostela a Asociación PuntoGal. O colectivo convida cidadáns, asociacións, institucións e grupos diversos a unírense á plataforma para avalar a petición diante da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, a ICANN, organismo internacional que decide sobre a solicitude.

- 12:36 06/04/2006
Tags:

Pola propia complexidade do proceso a promotora considera fundamental traballar dando pasos firmes, actuando con axilidade e contando cun amplo respaldo social. A ICANN valora as propostas en función da xustificación, da necesidade de ter o dominio e dos apoios dos que dispón a propia candidatura dentro do seu territorio; por iso é imprescindible artellar unha candidatura sólida coa presenza de importantes organismos e asociacións galegas no ámbito cultural, lingüístico e da comunicación.

O grupo de traballo xa está a manter reunións para coñecer outras experiencias similares, moi especialmente a exitosa do catalán. Ao tempo prepárase un calendario de actuacións en base á axenda da propia ICANN e estúdanse as opcións para elaborar e defender os preceptivos informes da candidatura. En elaboración están ademais os estatutos que rexerán o funcionamento do colectivo.

A promotora está conformada por representantes da Asociación de Editores de Galicia, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, da Asociación Fillos de Galicia, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, do Consello da Xuventude de Galicia, das Empresas Galegas Adicadas a Internet, de Galicia Hoxe, do Idesga-Galego 21, do ISOC-Galicia, da Mesa pola Normalización Lingüística, da Real Academia Galega (RAG) e de Vieiros.

A asociación nace coa arela de sumar o maior número posíbel de apoios sociais á iniciativa e realizará accións de concienciación entre a cidadanía sobre a necesidade de que Galiza dispoña dun dominio propio.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: