Os mapuches, cuarto pobo indíxena da América do Sur (600.000 persoas) tras aimaras, quechúas e maias, supoñen o 87% da poboación orixinaria do Estado chileno. Víctor Domingo Naguil é o responsábel de relacións internacionais de Wallmapuwen, un colectivo de trinta universitarios mapuches que pretende transcender as xustificacións históricas do etnonacionalismo radical e o illamento do indixenismo tradicional. Estes días reúnese en Compostela con representantes políticos do BNG, con vistas a deseñar unha "estratexia política de poder". Esta pasa, ao primeiro, por formar cadros políticos para concorrer ás eleccións municipais chilenas de 2008. "Non compartimos iso de que un mapuche sen terra non é un mapuche. Sostemos que os mapuches, sen un territorio, xamáis seremos unha nación", di.
"O cerne do problema político é o recoñecemento do pobo mapuche como suxeito depositario de dereitos políticos colectivos", resume Naguil. En dez anos, a ONU non foi quen de aprobar o Proxecto de Declaración Universal de Dereitos dos Pobos Indíxenas. E Chile segue sendo un dos Estados máis centralizados de América. A estratexia de esmola social e represión política aberta polos gobernos civís chilenos desde 1990 "non é a solución", sinala.
Vieiros: Cal é a situación actual dos mapuches?
Víctor D. Naguil: Estamos no centro de Chile, nas rexións de Bío-Bío, Araucanía (alí son o 25% da poboación total) e nos Lagos. Agora permanecemos á espera. A lexislación indíxena recoñécenos certos dereitos, pero a nosa vella demanda de recoñecemento constitucional como pobo, que levamos facendo desde finais da ditadura, non se concretou aínda. Ou foron rexeitadas pola dereita ou esquecéronse por falta de quórum. Á clase política chilena non lle interesa.
Supón certa esperanza a presidencia de Bachelet?
Hai un ánimo positivo porque é muller e a súa historia xera unha boa expectativa. Pero desde o punto de vista mapuche, se nos atemos ao seu programa, non hai cambios substanciais na dirección que a nós nos interesaría como partido. Para nós, que temos unha perspectiva autonomista, esas reformas significarían fortalecer o centralismo do Estado. Todo quedaría no Ministerio de Planificación, que se ocupa da pobreza e da marxinalidade. A nosa reivindicación é política, e como tal debe ser abordada integralmente.
Cales serán os primeiros pasos de Wallmapuwen?
Podermos lograr unha certa articulación con organizacións que comparten os nosos postulados, ou que están en posición de discutilos. Despois, conversar con autoridades mapuches, sobre todo alcaldes cos que temos boas relacións. Nós falaremos con todo o mundo.
Supeditar as reivindicacións indixenistas do pobo mapuche á cuestión nacional ha ser un bo traballo didáctico...
É un enorme desafío, pero creo que se están dando as bases sociais para que iso poida ocorrer. Así coma nós podemos traballar nunha orientación máis nacionalista, as orientacións máis indixenistas tamén son unha construcción...
Allea...
Si. Para nós a cuestión nacional é prioritaria. Queremos construír formalmente un partido, esa é a chave. Eu xa participei noutras experiencias nas que o tema do partido se discutía, pero non se definía moi claramente, e todo quedaba en nada. Somos trinta persoas con ese obxectivo, cunha comisión política e catro executivas. Se falamos de prazos para a constitución formal... Un partido comeza a súa formalización alá coa sinatura de cen persoas; iso é moi fácil, pero necesitamos cen persoas capaces de comprender ese proxecto político. Cando teñamos iso, poderemos seguir co procedemento legal.
Aucan Huilcamán, portavoz do Consejo de Todas las Tierras, non participa no proxecto, pero terán que seducilo a el, aos vellos líderes indixenistas e aos alcaldes mapuches que gobernan en 17 dos 345 concellos chilenos, moitos deles afastados de calquera loita de liberación nacional...
A dinámica social do movemento mapuche non debe excluír a reivindicación política electoral. Este esforzo xa o fixeron algunhas organizacións mapuches, agora trátase de que unha forza política sexa quen de salvar as feblezas que nos impediron levalo ao cabo. Xa hai un número importante de alcaldes mapuches, pero ou ben son militantes ou aliados de partidos chilenos. Nós non traballaremos contra as vellas organizacións mapuches, pero unha cousa é que as organizacións se coordinen para accións coxunturais e outra é que o fagan para cumprir un obxectivo estratéxico. Co tempo...
Canta moderación necesitará o futuro partido mapuche para poder establecer alianzas co PPD?
Actualmente falaría demasiado a priori... Parlamentarios hai do PPD que din que á sociedade mapuche non lle interesa discutir sobre autonomía. Un progresista que defenda esas posicións... convén tomalo todo con moita cautela. Quizais sexa Chile o Estado máis centralizado de América, e con algúns dos marcadores de desigualdade máis elevados. Ímonos atopar con moitos adversarios. Eu pregúntome até qué punto os partidos políticos respectarán a vontade de levar ao cabo unha descentralización como corresponde. En Chile hai partidos progresistas nun tema e sorprendentemente reaccionarios noutro.
E os mapuches de Arxentina?
Temos contactos sociais con eles. Nós sabemos que a idea do partido tamén foi escoitada alá, e contémplana con certo interese, pero a súa dinámica é outra. Nós o que agardamos é que, máis alá do que se poida propoñer alá, manter puntos de encontro. O noso propósito a longo prazo é termos un espazo político-cultural mapuche, e que ese espazo involucre a ambos lados.
A lingua será fundamental para conservar ese espazo, sequera culturalmente...
Claro, e aquí a educación é un elemento fundamental. Agora mesmo aplícase un modelo intercultural bilíngüe, no que elementos culturais mapuches incorpóranse no modelo curricular. Pero é unha incorporación parcial.
Folclórica, vaia...
A consecuencia é máis ou menos folclórica. Hoxe apréndense algunhas palabras de mapuzungun e algúns elementos rituais. O tema da política lingüística non está perfilado; até o de agora discutimos o tema da inmersión lingüística, o que xa supón un cambio radical con respecto ao que hai. Iso tamén hai que velo caso a caso. Haberá problemas nas escolas onde só o 30% dos nenos sexan mapuches, pero un programa así contribuiría a cambiar a mentalidade política desde a educación. Sen un programa de inmersión, o mapuzungun desaparecerá. Nas comunidades rurais a nosa lingua aínda é vital, e nas zonas urbanas a súa presencia é case nula. Tamén promoveremos estudios sociolingüísticos, porque non hai, e sen eles todo é máis complicado.
Da represión dos mapuches aínda non falamos...
Só na rexión da Araucanía, 300 persoas foron asasinadas na ditadura de Pinochet. E habería que falar dela no contexto do Estado democrático... de toda esa xente que está detida pola Lei de Seguridad Interior do Estado e se lle aplican normas antiterroristas. Hai moitos casos nos que estas sentencias se produciron en xuízos cuestionados polas organizacións dos dereitos humanos. Que o Goberno chileno tipificase accións de protesta social como delictos de carácter terrorista... iso non pode ser así.
Qué lles chamou a atención do BNG á hora de vir pedirlles orientación para deseñar unha estratexia política de poder?
Unha primeira base é a coincidencia no elemento nacionalista e progresista. Por outra banda, o Bloque é unha experiencia de acumulación de forzas políticas, para nós moi interesante porque teremos que mesturar antes de propoñer unha estratexia de poder. O obxectivo de Wallmapuwen é ser o xermolo do futuro partido político mapuche, "autonomista, nacionalitario, democrático, progresista, laico e pluralista". Si, coincidimos con Bloque en elementos ideolóxicos importantes...
Home, vostedes han ter unha lectura marxista ben máis pura das loitas anticolonización...
Porque a nosa situación é máis complexa. Alá, cando se fala de esquerda ou dereita... falan das súas forzas políticas. Nós non desenvolvemos forzas políticas propias, así que non podemos nin sequera falar desde esa perspectiva. Iso pode crear confusión, pero nós apoiamos o progresismo porque a súa noción de Chile é máis ampla: medio ambiente, dereitos humanos, relacións laborais xustas...
Qué conclusións extrae tras as reunións e o protocolo asinado cos nacionalistas galegos?
O protocolo danos a posibilidade de impulsar proxectos de desenvolvemento básicos para afortalar a base económica do pobo mapuche, e abrir espazos de debate que permitan construír unha alternativa á globalización neoliberal, baseados no principio de autodeterminación dos pobos e o recoñecemento da diversidade cultural. Nós comprometémonos a facer chegar a información necesaria para que isto calle, e os políticos do BNG devolverán a visita. Tamén tivemos contactos con Esquerra Republicana, pero a única organización coa que chegamos a este punto de acordo é co BNG.
Desde esta beira, semella que América latina reabriu pola vía do sufraxio algúns vellos combates pola historia...
Parece que o clima é máis favorable... o ascenso ao Goberno do aimara Evo Morales, a sensación europea de Bachelet, o obreiro Lula en Brasil... semella posíbel, pero nós debemos actuar con moita cautela. Unha cousa é ese clima favorable e o que poida parecer en Europa, e outra o que Chile nos ofrece até o de agora como opción política.