O ministro dinamarqués de Cultura, o conservador Brian Mikkelsen, propuxo que Grenlandia e as Illas Feroe, territorios autónomos pero pertencentes a Dinamarca, conten con seleccións olímpicas de seu. Mikkelsen aproveitará a cita olímpica de Turín para reclamalo oficialmente.
A treboada iniciouna o esquiador grenlandés Martin Møller, que desexaba participar nos Xogos Olímpicos de Turín. Nalgúns deportes, Grenlandia ten estándares de cualificación distintos dos dinamarqueses. O Comité Olímpico Dinamarqués rexeitou a participación de Møller (na foto, co chándal da selección grenlandesa) en Turín; pero tanto o deportista como as autoridades de Nuuk, entenden que Møller debería estar na gran cita olímpica.
A grande illa de Grenlandia, cuberta no seu 75% por xeo, ten 58.000 habitantes. No seu territorio existen máis de douscentos clubes deportivos, que reúnen uns 15.000 practicantes dalgunha especialidade. Ou sexa, case a mesma xente que toda a poboación da illa índica de Palau, que si conta con comité olímpico de seu. Os grenlandeses teñen diversas federacións deportivas, coma o bádminton ou o balonmán, recoñecidas internacionalmente.
As Illas Feroe non contan con Comité Olímpico, pero si son recoñecidas pola FIFA, a outra gran organización deportiva internacional. A Federación Feroesa de Fútbol foi fundada en 1979, e admitírona na FIFA vai para vinte anos, en 1988. Nos 116 partidos internacionais desputados pola selección, conseguiron trece empates e mais doce vitorias ante seleccións como Austria, Estonia, Cazaxtán, Malta, San Mariño, Luxemburgo ou Liechtenstein. Ademais, outras federacións internacionais recoñecen as feroesas como membros de pleno dereito, coma o balonmán ou o voleibol.
O ministro de Cultura dinamarqués, Brian Mikkelsen, soclitoulle unha entrevista ao presidente do COI para ver de conseguir que, no futuro, os deportistas grenlandeses e feroeses poidan competir pola súa conta. Algunhas autoridades deportivas dinamarquesas criticaron que Mikkelsen mesturase política e deporte. Porén, o ministro teimou: "Estamos a falar de conseguir que Grenlandia e as Illas Feroe participen coa súa bandeira nas Olimpíadas. Quero coñecer qué opina o COI sobre o tema. Non vai ser doado, pero se vai adiante podería ser que outros territorios chegasen a ser membros independentes do COI", en referencia ás reclamacións das Illas Cook por competir coa súa bandeira e non coa novacelandesa.