Ao compromiso de revelar "o ADN de Windows" se referiu Brad Smith, un dos vicepresidentes de Microsoft durante a rolda de prensa coa que este mércores a empresa anunciaba a vontade de facer público parte do código fonte do sistema operativo. Con esa decisión, o xigante estadounidense facilitará que outras empresas poidan desenvolver aplicacións informáticas que sexan compatíbeis co hexemónico sistema da compañía liderada por Bill Gates. O departamento de Competencia da Eurocomisión vén de lembrarlles a ameaza de multa de ata dous millóns de euros por día, subliñando que Microsoft tamén foi denunciada nos tribunais dos EUA por negarlle esa información aos rivais, e avisando que estudará se este ofrecemento parcial é abondo para evitar o castigo.