Con ocasión da VI Festa do Botelo, no Barco, o conselleiro de Medio Rural comunicou a solicitude, feita en novembro polo seu departamento, para crear a Indicación Xeográfica Protexida "Botelo galego" como xeito de promover comercialmente este embutido ancestral, defendendo a súa orixe e calidade, que podería converterse nun factor de desenvolvemento da gandería porcina en Valdeorras e das industrias que elaboran os produtos da matanza.
Na xornada gastronómica participaron setecentas persoas que degustaron o prezado manxar acompañado de chourizos, cachelos, repolo, torta de roxóns, viño e licores. Momentos antes tivo lugar o pregón da festa. Estivo a cargo de Luís Trincado, conselleiro de empresas do grupo Fenosa, quen fixo unha lembranza dos seus anos de mocidade no Barco, dos membros máis salientables da súa familia e dos seus vencellos actuais coa terra dos seus devanceiros, onde acude todos os anos pola matanza e a festa do Cristo. O seu discurso foi tamén unha exaltación do botelo para o que pediu unha denominación que o promocione. Por outra parte a Mención de Honra deste ano outorgouse a Dora Fernández Gago, a cociñeira do desaparecido restaurante Avenida, por toda unha vida compracendo aos barquenses desde a súa cociña, quen agradeceu emocionada as mostras de afecto recibidas. Os actos estiveron presididos polo alcalde do Barco, Alfredo García, polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal e pola vicepresidenta do Parlamento Galego, Tereixa Paz.