A ONGD galega Implicadas/os no Desenvolvemento foi unha das máis activas na cooperación para a rehabilitación socioeconómica en Tiruchi, unha das zonas da India onde máis devastadora foi a tsunami. Neste tempo deron apoio sanitario e psicolóxico ás familias afectadas, preocupándose sobre todo de axudar ás mulleres e ás nenas e nenos con campamentos, cursos e actividades de formación. Pero aínda queda moito por facer.
A ONG que dirixe María Reimóndez quere aproveitar o cabodano da catástrofe para "botar a vista atrás" e analizar as súas intervencións na zona, que se realizan nun dos lugares da India máis afectados pola tsunami, Karaikal (Pondicherry). Lembramos que Implicadas/os no Desenvolvemento é a única ONG galega que ten proxectos de cooperación ao desenvolvemento nesta rexión.
Logo da catástrofe do 26 de decembro de 2004, o goberno e as ONGs responderon inmediatamente con labores de emerxencia en todos os lugares afectados. A organización que actúa como a contraparte local de IND, People's Development Initiatives (PDI), comezou os labores de emerxencia co apoio da organización galega. Así, PDI desprazou a persoal especializado desde Tiruchy, a tres horas da costa e onde IND leva traballando desde 1998, á zona afectada para executar as actividades de axuda de emerxencia, e seleccionouse a zona de Karaikal como base para estas tarefas, que consistiron na distribución de alimentos a través de cociñas comunitarias, e coa construción de refuxios temporais para as familias afectadas na zona.
Ademais, realizáronse labores que tiñan como obxectivo proporcionar apoio psicolóxico (de novo necesario a finais de novembro, cando Karaikal se viu anegado pola choiva e a poboación reviviu os intres da tsunami), atención sanitaria e tamén atención específica a nenas e nenos terriblemente afectadas/os pola catástrofe, como a creación dun campamento de verán. A isto sumáronse outras axudas puntuais: acompañar a mulleres embarazadas a revisión, supervisión do estado sanitario, etc.
Segundo conta a organización, outro dos puntos fortes da acción conxunta de PDI e IND foi e está a ser a rehabilitación socio económica da zona, e para iso continúase a propiciar unha rehabilitación e desenvolvemento das mulleres, pois en Implicadas consideran que a súa participación nos procesos de reconstrución non se estaba canalizando de maneira axeitada: "abonda dicir que durante as actividades de emerxencia iniciais, a cuestión do xénero e os problemas do alcoholismo se nos presentaron como dous puntos ineludibles na rehabilitación da comunidade. Por todo o anterior, centramos os nosos esforzos no empoderamento e na rehabilitación psicosocial das mulleres, transmitíndolles as capacidades necesarias para que poidan comezar actividades económicas e xerar ingresos. Seguindo a vontade das mulleres, que desde un principio expresaron o seu desexo de adquirir novas capacidades laborais, organizouse un curso para elaboración de perfume e de incenso en conos e barras; celebrouse unha xornada de formación acerca de como conseguir crédito para os grupos; e desenvolvéronse unhas xornadas de formación sobre apoio psicolóxico, xénero e grupos de mulleres."
A ONG engade que "despois de 11 meses de traballo o balance dos nosos logros é positivo. Gustaríanos agradecer a colaboración de todos os Concellos, institucións (especialmente a Xunta de Galiza) e sobre todo particulares que nos apoiaron nesta primeira fase cos seus esforzos, pero queremos tamén recordar que a situación de devastación absoluta está aínda moi lonxe de volver á normalidade. As poboacións seguen precisando un apoio permanente que lles axude a recuperar as súas vidas e a superar a pobreza á que inicialmente se enfrontaron. Por iso, IND segue facendo un chamamento á implicación permanente e a non esquecer a situación destas comunidades nin de tantas outras no mundo enteiro que viven a catástrofe permanente da pobreza."
IND segue tendo habilitado un número de conta para as doazóns que queiran facerse para este fin:
CAIXA GALICIA: 2091 0531 81 3040010798