Pouco máis de medio cento de representantes, do total de máis de medio milleiro que ten a Asemblea francesa, estaban este xoves a última hora da noite na Cámara, posibilitando así a aprobación das emendas ao proxecto de lei sobre dereitos de autor coas que un grupo de deputados quixo deixar aberta a posibilidade do intercambio de arquivos nas redes P2P.
Trinta votos contra vinteoito déronlle adiante a unha iniciativa que estende a internet o dereito a facer copia para uso privado que xa rexe nos soportes de CD e DVD. Paradoxalmente, a intención do goberno a través deste proxecto era xustamente a contraria, xa que pretendía incluso que os fornecedores de internet fosen declarados responsábeis do control do intercambio de arquivos e mesmo obrigalos a deseñar ferramentas que impedisen a descarga de arquivos protexidos por dereitos de autor. O proxecto incluía a posibilidade de multas de até 300 mil euros e de penas de cárcere de ata tres anos.
O "descuido" dos deputados do goberno francés, presionados sobre este proxecto polo sector das industrias culturais e as sociedades de xestión de dereitos de autor, posibilitou así cambiar un proxecto que ía bloquear en Francia a posibilidade de copia de arquivos dixitais con dereitos de autor e mesmo prohibir o seu envío a través de mensaxes de correo electrónico. Así e todo, sobre o asunto había desacordo no propio partido do goberno e foi de feito un deputado da UMP quen presentou unha das emendas. Unha postura intermedia era a mantida desde o PS, que propoñía un sistema de cota global sobre a rede coma xeito de compensación pola legalización das descargas. A idea dos socialistas era que esa taxa acompañase á que o usuario paga pola conexión á rede.
Poden ampliar en Le Monde, Liberation e Wired