Os Premios da Edición 2005 convocados por primeiro ano pola Asociación Galega de Editores (AGE) xa teñen gañadores. Os Premios de Edición 2005, que non reportan dotación económica, foron elixidos polas 33 empresas editoras que agrupa a AGE. Xosé Luís Méndez Ferrín foi o gañador do Premio Xosé María Álvarez Blázquez que o significa como mellor autor do ano.
Os editores fixeron a Antón Costa Rico merecente do Premio Ánxel Casas ao libro de 2005 pola súa obra Historia da educación e a cultura en Galicia que viu a luz en Edicións Xerais. Este libro foi en 2005 gañador do Premio Irmandade do Libro, Mellor Libro Galego, do Premio Losada Diéguez de Investigación e Premio da Crítica Galega. O libro de Antón Costa impúxose diante de Herba Moura de Teresa Moure, que gañou o Premio Xerais na súa última edición, e Non sei cando nos veremos, de Anxo A. Rei Ballesteros.
O Premio Lois Tobio ao mellor libro traducido foi á versión galega de Manhattan Transfer, de John Dos Passos, que Mercedes Pacheco realizou para a Editorial Sotelo Blanco. Na categoría de mellor libro ilustrado recibiu o Premio Isaac Díaz Pardo, o libro Catro Poemas galegos de Lorenzo Vareka, cos gravados orixinais de Luís Seoane que foi editado por Ediciós do Castro.
Por cabo, Xavier Senín, Subdirector Xeral de Promoción Cultural, do Libro e Bibliotecas da Xunta de Galicia, foi recoñecido co Premio Fernández del Riego á cooperación no labor editorial.