Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA UE

Falouse galego por unha vez no Comité das Rexións e despois xa veremos

O presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño empregou hoxe o galego durante unha alocución ao plenario do Comité das Rexións. O discurso de Touriño, realizado fóra da orde do día e unicamente como demostración do acordo asinado entre o goberno español e o Comité, foi acompañado de intervencións semellantes dos presidentes catalán e valenciano, Pasqual Maragall e Francesc Camps. Durante o resto do pleno do Comité non se volverá falar o galego e para a próxima ocasión deberá solicitarse con 7 semanas de antelación.

- 11:54 17/11/2005
Tags:

O Comité das Rexións asinou unhas horas antes da intervención de Pérez Touriño un acordo co goberno Zapatero para que os representantes do estado español poidan empregar o galego, o catalán ou o vasco se así o desexan. Ese acordo reproduce o texto do convenio xa asinado co Consello da Unión, e que estabelece que o servizo de interpretación se poderá usar se o orador anuncia a súa intervención con sete semanas de adianto. Ademais, o sistema de tradución porase en funcionamento cando exista un equipo estábel para facer estes traballos, o que aínda non sucede. De feito, Pérez Touriño falou galego, pero os demais oradores puido escoitalos en español ou na súa lingua orixinal unicamente.

Por iso, os cidadáns aínda non se poden dirixir ao Comité das Rexións en galego, e cando iso sexa posíbel terán que aterse ás restricións xa sinaladas para o Consello da Unión: o órgano das comunicacións é a entidade tradutora, e non o Comité directamente; o Comité non se responsabilizará en ningún caso do contido das traducións (e así se sinalará nos escritos); e, en caso de que a decisión deste órgano supoña un prazo, a institución enviaralle copia ao cidadán en español, e posteriormente o centro de traducións lle enviará a versión en galego. Se un cidadán lle envía directamente unha carta ao Comité en galego, o Comité devolveralla comentándolle a posibilidade de que a tramite en galego a través do centro de tradución que dispoña o goberno de España.

Pérez Touriño é o único galego membro do Comité das Rexións, á espera de que o alcalde coruñés Francisco Vázquez tome posesión en febreiro. Pérez Touriño conta cun membro suplente, que o substitúe cando o presidente galego non poida estar presente, como sucederá na xornada de mañá xoves. Porén, ese suplente aínda non está nomeado, logo de catro meses da toma de posesión do goberno da Xunta.

No pleno tamén interviñeron os presidentes catalán e valenciano, Pasqual Maragall e Francesc Camps, así coma os suplentes das delegacións vasca e balear, José María Muñoa Ganuza e Manuel Jaén Palacios, comisionado de Relacións Exteriores do Goberno Vasco e delegado do Govern balear ante a UE, respectivamente. Pérez Touriño converterase así na segunda persoa en falar galego nas institucións europeas, logo das intervencións do ex-eurodeputado Camilo Nogueira, que empregaba un código mixto de galego e portugués traducido polos intérpretes de portugués. Pérez Touriño asegurou onte que era a primeira persoa en falar galego, porque "Nogueira falaba portugués", mentres Camilo Nogueira afirmaba que el empregaba "galego con algúns trazos dialectais".

Ademais, dos convenios asinados co Consello e co Comité das Rexións, o Goberno de Zapatero aínda ten que acordarse coa Comisión, co Europarlamento, co Tribunal de Xustiza, co Tribunal de Contas, co Comité Económico e Social e co Valedor Europeo. Admiten intervencións orais o Europarlamento (con cinco galegos, Millán Mon, Carme Fraga, Daniel Varela, Rosa Miguélez e Sánchez Presedo), o Comité das Rexións (2, Francisco Vázquez dende febreiro e Emilio Pérez Touriño) e mais o Consello.

O presidente do comité das Rexións, o alemán Peter Straub, amosouse honrado de que fose o Comité, "o nivel do goberno máis achegado aos cidadáns, o primeiro en que tivese efecto o acordo lingüístico". "Recoñecer a riqueza da diversidade lingüística de Europa é un factor importante na identificación entre os cidadáns e os obxectivos da Unión", engadiu.

O presidente da Xunta cualificou de "histórico" o acordo e apostou porque o seu uso fose un "feito cotián" nas institucións europeas, no trato cos cidadáns e nos trámites administrativos. Tamén afirmou que Galiza é un país cunha "fonda vocación europeísta" e que "hoxe se sente máis europea ca nunca e máis protagonista do proxecto europeo ca nunca".


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: