Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOLICITAN UNHA "FONDA RENOVACIÓN" DOS MEDIOS PÚBLICOS

O Sindicato de Xornalistas pide unha solución á precariedade laboral da CRTVG

O Sindicato de Xornalistas de Galiza manifestou nun comunicado o seu apoio "ao cento de traballadores da CRTVG que durante este mes quedarán na rúa ao non serlles renovados os seus contratos". O cambio de dirección no ente público, segundo o SXG, deixa a estes traballadores, algúns deles con máis de 15 anos ao servicio da CRTVG, "nunha situación de incerteza e desprotección, xa que non teñen recoñecida a súa antigüidade no medio".

- 12:30 30/09/2005
Tags:

O SXG reclama á nova directiva da Compañía de Radio Televisión Pública que renove os contratos a estes traballadores e reduza as tasas de persoal eventual na plantilla do ente público. En opinión do Sindicato de Xornalistas, é preciso unha profunda renovación dos medios públicos galegos.

A CRTVG cubre boa parte dos seus postos de traballo con contratos artísticos ou por obra e abusa dos Plans Labora e a contratación baixo a fórmula de ETTs. O SXG pensa que un ente público debe dar exemplo e non pode ter un índice tan alto de precariedade laboral entre os seus empregados. O SXG considera lamentable que se teña permitido esta situación e súmase as queixas dos traballadores despedidos que denuncian o mal trato recibido e a desinformación coa que a dirección saínte da CRTVG ten acometido os despidos.

Dende o Sindicato de Xornalistas de Galicia reclámase o Goberno da Xunta que acelere a designación da nova directiva da CRTVG para solucionar canto antes a situación destes traballadores. O SXG solicitará unha reunión co novo equipo directivo, unha vez tome posesión, para tratar de mediar no problema e intentar atopar unha solución o despido en masa de tantos traballadores.

Asimesmo, o SXG incluirá esta demanda entre os asuntos que está abordando cos principais representantes institucionais e políticos de Galiza na ronda de contactos que está a levar a cabo para facer a súa presentación oficial como Sindicato de Xornalistas tras a súa constitución o pasado 27 de febreiro. O SXG nace coa vocación de atallar a elevada precariedade laboral dos profesionais da comunicación que traballan dentro do territorio galego e mellorar as súas condicións de traballo.

  • Anteriores: Benigno Sánchez, novo director xeral da CRTVG


  • 0/5 (0 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: