"Sen estabilidade laboral non hai medios independentes", advirten dende o Sindicato de Xornalistas de Galicia. O aviso chega diante da próxima concesión de ducias de emisoras de radio e tv locais que deberá facer o novo goberno, polo que se subliña que PSdeG e BNG teñen aquí unha oportunidade de actuar na liña da sía promesa de "apoiar a independencia dos medios". No seu comunicado deste martes, o sindicato lembra que ese apoio pasa por frear "a contratación de falsos autónomos, as xornadas abusivas e a explotación de estudiantes en prácticas", que segundo insisten "son prácticas habituais na maioría das empresas da comunicación en Galicia".
"A concesión das emisoras dixitais constitúe unha oportunidade única para a Xunta de fomentar un xornalismo independente e profesional". Na opinión do sindicato iso require do fomento da estabilidade laboral dos traballadores. Así, e diante da próxima creación de postos de traballo que debería promover a concesión destas licencias advirten que "o aumento destas formas de explotación laboral sería unha das consecuencias de que o novo goberno non aplicase o criterio de promoción de postos de traballo estables na resolución destas convocatorias".
O Sindicato de Xornalistas de Galicia rexeita que "o lanzamento destes medios se realice a costa de facer aínda máis precarias as pésimas condicións laborais dos traballadores da comunicación en Galicia". Ao tempo, lembran que no seu momento pedíranlle xa ao anterior goberno a retirada dos concursos ao considerar insuficiente "a puntuación que nos baremos de valoración se daba á creación de postos de traballo" criticando tamén que a Xunta non fixase "a imprescindíbel diferenciación entre contratación estable e temporal".