Bailou un deputado ao longo do reconto na circunscrición pontevedresa, pero finalmente, os preto de sete puntos de caída do PP, custáronlle a perda de dous escanos con respecto aos resultados de 2001. Outras chaves: os once puntos de vantaxe que BNG e PSOE acumulan sobre o PP na provincia onde xa acadarán o goberno da deputación, a inédita caída dos populares por baixo do 50% en terra de Cacharro e o feudo baltariano coma o único onde o PP mantén escanos.
Derrube popular en Pontevedra
O PP mantivera estábel os seus apoios hai catro anos con respecto aos acadados en 2001, malia que en cifras totais, os dez mil votos menos xa amosaban unha tendencia cara abaixo. Así, o 50,2% de apoios que apañaran daquela baixan agora ata o 43,8%. Os doce puntos que soben os socialistas déixanos así co 33% e tres escanos máis, dous que lle rabuñan ao PP e outro que conseguen logo da caída de tres puntos do Bloque nesta provincia. Poden consultar aquí os resultados polo miúdo.
Once puntos de vantaxe para BNG e PSOE sobre o PP
Confirmouse o agoiro de forte caída dos populares na circunscrición coruñesa, malia que os cinco puntos menos, 42,7% fronte a un 47,8% en 2001, só lle rabuñan un escano. O ascenso dos socialistas chega nesta provincia aos nove puntos, pasando de 6 a 8 escanos, mentres que os vinte mil votos menos para o Bloque fanlle baixar de 6 a 5 escanos. Poden consultar aquí os resultados polo miúdo.
O PP cae por baixo do 50% en terra de Cacharro
No feudo cacharrista seguen perdendo apoio os populares. Se en 2001 a caída fora de once mil votos que os deixaba aínda así nun 56% do total das papeletas, desta volta o PP lugués só apañou o 49,3%. O reparto de escanos, 9-3-3 hai catro anos, vira agora en 8-5-2, con significativa suba de doce puntos para o PSdeG, na provincia onde os socialistas viñan de acadar a maioría absoluta na capital nas pasadas municipais. Poden consultar aquí os resultados polo miúdo.
O feudo baltariano é o único onde o PP mantén escanos
Seguirán sendo oito os deputados populares que senten en representación da provincia ourensá no Parlamento galego, aínda que o PP perdeu cinco puntos aquí respecto a 2001, caendo dun 56,5% ao 50,8%. os dez puntos que o soben os socialistas e os catro que perden os nacionalistas, completan o reparto con 4 para PSOE e 2 para o BNG. Poden consultar aquí os resultados polo miúdo.