O goberno central segue permitindo a exportación de armas a países en guerra, con embargos impostos ou que foron denunciados por violación dos dereitos humanos. Esta práctica, que vai contra o Código de Conducta da Unión Europea, é denunciada por Amnistía, Greenpeace e Intermón no informe ao respecto elaborado coa colaboración da Escola de Cultura de Paz.
Entre os casos máis graves que documenta a investigación están a exportación de armas de fogo, munición e granadas a Arabia Saudí por valor de máis de 23 millóns de euros, país que acumula un longo historial de violacións de dereitos humanos; o envío de bombas, cohetes e mísiles a Colombia, país inmerso nun conflito armado ou a exportación de munición a Ghana, país sobre o que dende 1998 hai vixente unha moratoria para a importación de armas.
Segundo a avaliación das ongs, o 30% das exportacións de armas vulneran o Código de Conducta da UE. Os colectivos critican tamén a falta de transparencia sobre os movementos da industria armamentística no Estado. Así, no barómetro de transparencia no comercio de armas que fai anualmente a organización Small Arms Survey, só se acada unha nota do 11,5 sobre 20 puntos posíbeis.
Amnistía, Intermón e Greenpeace piden que se aprobe unha lei que faga máis estricto o control do comercio de armas. Segundo suxiren, a lei debera incluír un mencanismo preventivo que impida o envío de armas a destinos onde poidan ser usadas na violación de dereitos humanos ou para agravar conflitos; piden tamén que esixa detalles na información oficial que se lle envíe ao Congreso e solicita garantías para que este comercio siga estrictamente as recomendacións da Unión Europea.