Para esta fin de semana a metade sur do país vai concentrar boa parte da actividade lúdica, sobre todo se nos centramos en dous eventos da relevancia da Festa do Boi de Allariz e o Festival de Cans no Porriño. Pouco máis arriba Santiago collerá o domingo a gala cinematográfica na que se presentará a película Hai que botalos e Coruña tampouco queda atrás xa que ese mesmo día celébrase alí un acto de protesta contra o alcalde da cidade, Francisco Vázquez, e a súa negativa ante os casamentos homosexuais. O acto vai consister nun casamento masivo.
Unha cita fundamental é, sen dúbida, a Festa do Boi, que comeza o sábado e se estende ata o 29 de maio. Os actos do domingo 22 serán a procesión profana, o mercado e xantar medieval e, como non, a carreira do boi. O venres ábrese a segunda edición do Festival de Cans, que este ano conta con esta noite inaugural e un día de festival, con curtametraxes, viaxes en 'chimpibus' (coche oficial do festival), premios e concertos. Entre a oferta deste ano de Cans está a curtametraxe Ciudadano Cans de Álex Cendal e Iván González, o galardón Pedegree 05 para Celso Bugallo e o concerto de Transportes Hernández e Sanjurjo, dúo composto por Julián Hernández de Siniestro Total e Rómulo Sanjurjo de Os Diplomáticos.
Tamén para o día 20 de maio está prevista a actuación de Che Sudaka na Sala Capitol, en Santiago, a celebración dun concurso para solistas pop na discotega Magic de Oleiros e o espectáculo dos DJ's Todd Terry e Júnior Sánchez na Discoteca A! de Vigo. Nesta mesma cidade actúa na mesma noite o actor José Sacristán, na peza Almacenados, que se interpreta no Centro Cultural Caixanova.
O venres e o sábado os monicreques de Kukas deleitarán a novos e maiores no Teatro Principal de Ourense coa obra O antroido dos animais, Javier Krahe traerá as súas últimas composicións a Lalín (ao pub Bauhaus) e a Viveiro (ao Teatro Pascual Veiga). Para seguir coa música está a de cámara no Festival Mozart, que se celebra na coruña dende o 19 de maio ata o 2 de xullo e que ten por escenarios o Teatro Rosalía de Castro e o Pazo da Ópera. Os días 20 e 21 pódese desfrutar neste festival con Orfeo e coa segunda función de Don Giovanni. Pero non só haberá música de cámara na Coruña, tamén en Ourense se vai poder gozar coa ópera, no Auditorio, os días 20 e 21 con Aída e Il Trovatore, respectivamente.
E como non só de música vive o ser humano, tamén hai solidaridade para a os máis comprometidos, o sábado e da man de Cáritas, e deporte e reivindicación na XI Milla Escolar de Fene que se desputará nas instalacións de Navantia no concello.