Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DE CCOO GALIZA

Galiza, a terceira comunidade onde menos medrou o PIB no período 1995-2002

Malia a perda de peso demográfico respecto ao conxunto do Estado, Galiza case que non mellorou no último período estudiado a súa evolución cara a converxencia coa renda media española, quedando nun 80,2% na altura do ano 2003. Subliñando a reiterada presenza da nosa comunidade nas últimas posicións dos indicadores económicos, dende CCOO insisten na necesidade da aplicación doutras políticas de emprego que viren a situación.

- 12:43 14/04/2005
Tags:

O peso de Galiza respecto ao PIB estatal, mudou do 5,61% en 1995 cara un 5,31 no ano 2002, cun crecemento medio nese período de preto de seis puntos por baixo da media do Estado. Máis polo miúdo, esa evolución supón arredor de 2.200 millóns de euros menos para a caixa global en cada exercicio. Eses datos únense á alta taxa de paro, case tres puntos por riba da media e só inferior á de estremeños ou andaluces, o alto índice de precariedade, catro puntos por riba da media, e os baixos salarios, un 14% menores ca no resto do Estado.

Precisamente sobre este punto, CCOO ten criticado recentemente ao conselleiro de Economía e ao presidente da patronal galega, logo das manifestacións destes a prol de frear o crecemento dos soldos en Galiza. Dende Comisións lémbranlle a Orza e Fontenla que os salarios galegos xa son os máis baixos do Estado e fronte ao argumento dos problemas coa deslocalización empresarial, insisten en que "os sindicatos propuxéronlle no seu día ao conselleiro Orza realizar encontros entre a patronal, os sindicatos e a Xunta co obxectivo de encarar colectivamente este fenómeno" e láianse de que no foro recentemente convocado sobre este problema pola consellería só se contou coa patronal "excluíndo os sindicatos e mostrando así o apoio da Xunta de Galicia a unhas propostas patronais para evitar a deslocalización que non se sabe se son máis insolidarias ca ineficaces ou ao revés".


Ligazóns

0/5 (0 votos)