"Cultura, educación, sanidade e todos os servizos dependentes dos sistemas estatais de protección social poderían estar condicionados ás mesmas formas de competencia económica que as mercadorías". Así o advirten dende a campaña para frear a directiva europea iniciativa do anterior comisario europeo Frits Bolkestein sobre libre circulación de servizos nos países da UE. A protesta contra esa posibilidade será un dos eixos da manifestación á que o próximo sábado acoden en París representantes de numerosos sindicatos europeos.
A esixencia de estratexias para a consecución de máis postos de traballo e de mellor calidade fronte ao desenvolvemento da chamada axenda de Lisboa, a protesta contra o debilitamento dos sistemas de protección social nos países da UE e a directiva Bolkestein son os temas que centran a protesta sindical que o día 19 chega ás rúas de París. A protesta está convocada pola Confederación Europea de Sindicatos e pretende influír na axenda dos xefes de Estado e goberno da UE que se reúnen en Bruxelas no Cumio de Primavera os vindeiros 22 e 23 de marzo.
O polémico proxecto de lei europeo asinado polo ex comisario Bolkestein quere eliminar obstáculos ás empresas que pretendan ofrecer os seus servizos noutros países da UE. Deste xeito, eliminaríanse de xeito progresivo as restriccións a nivel estatal, de forma que as empresas de servizos só estarían obrigadas a respectar os requerimentos impostos polo país onde está rexistrada a súa sede social, independentemente do lugar onde ofrezan os seus servizos.
O agoiro é que esa normativa promova recurtes na protección social e contribúa á reducción dos estándares de calidade na UE. "A competencia feroz será regra en todos lados", advirten dende Attac, "os servizos públicos e de interese xeral sufrirán cada vez máis presión para sometérense ás regras da competencia e seren provatizados, ao quedar os Estados privados do dereito de tomaren decisións políticas relativas á educación, sanidade, cultura e ao dereito ao libre acceso universal aos servizos".