A Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros, ADICAE, fixo un chamamento aos bancos e caixas de aforro para que deixen de cobrar comisións polas transferencias ás contas abertas polas ONGs e outras entidades para canalizar a axuda aos afectados polo maremoto do sueste asiático. ADICAE denuncia que os bancos e caixas, "aproveitando as achegas solidarias e desinteresadas dos cidadáns, se lucran cunha traxedia humanitaria".
Segundo o seguimento realizado por ADICAE, Barclays Bank cobra unha comisión por transferencia do 0,10% sobre a cantidade ingresada, cun mínimo de 2,50 euros. Se esta se realiza a outra localidade, 0,30% e un mínimo de 4 euros. O Banco Santander Central Hispano, cobra unha comisión por transferencia de 0,20 euros se se efectúa na mesma localidade e 0,40 euros se ten lugar nunha localidade distinta da de orixe, cun mínimo en ámbolos dous casos de 3,01 euros. O BBVA cobra un 0,60 na propia localidade, cun mínimo de 2,40 euros e se o destino é outra localidade diferente a comisión da porcentaxe é do 3% cun mínimo de 2,40 euros. Tamén as caixas cobran por este concepto. Caja Madrid cobra unha comisión do 0,5 cun mínimo de 6 euros. Ibercaja cobra por este concepto unha comisión de 0,30 cun mínimo de 2,75 euros, mentres que a La Caixa cobra un 0,5% sobre a cantidade ingresada cun mínimo de 6 euros. Para ADICAE, estas porcentaxes "supoñen un zumento negocio dada a solidariedade que están demostrando os cidadáns polas vítimas da traxedia do sueste asiático".
ADICAE reclámalle tamén ao Banco de España que solicite ás entidades bancarias a paralización do cobramento destas comisións, amais da "urxente necesidade de encetar unha regulamentación seria do cobramento das comisións bancarias".